O BNG lamenta o incumprimento do goberno de María Ramallo en materia lingüística

manifestacionqueremosgalego17M

Lucía Santos afealle á Sra. Ramallo o incumprimento do acordo plenario acadado por unanimidade hai xusto un ano, no que o BNG solicitou a constitución do Servizo de Normalización Lingüística de Marín, como así vén recollido na ordenanza de Normalización Lingüística do Concello

O BNG lamenta o incumprimento do goberno de María Ramallo en materia lingüística

No pasado Pleno municipal, celebrado o 13 de maio, a Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, afeoulle á Sra. Ramallo o incumprimento do acordo plenario acadado por unanimidade hai xusto un ano, no que o BNG solicitou a constitución do Servizo de Normalización Lingüística de Marín, como así vén recollido na ordenanza de Normalización Lingüística do Concello.

Lucía Santos recorda que “os acordos plenarios están para cumprilos e este non pode ser menos, pese a que lamentabelmente xa é habitual que o goberno de María Ramallo incumpra as mocións aprobadas nas sesións plenarias.”

A Portavoz municipal lembra que “a saúde do noso idioma está nunha situación crítica en todo o país, cunha aceleradísima perda de falantes e cun claro retroceso na rapazada, como se constata dos estudos que se veñen realizando nas últimas décadas.”

E continúa afirmando que “esta dramática tendencia non acontece por azar, senón que se debe á política lingüicida por parte do goberno de Feijoo, e o goberno de María Ramallo non ía ser menos. O goberno municipal do Partido Popular non só non executa o recollido nunha ordenanza municipal, e acordado nun Pleno, como é a creación dun Servizo de Normalización Lingüística, senón que non leva a cabo nin unha soa actividade de promoción e fomento do galego.”

Lucía Santos lamenta que “malia ter unha ´concellaría de normalización lingüística´ a política lingüística do goberno do PP non vai máis alá de bonitas palabras en ocasións sinaladas, mais completamente baleiras de contido, amosando unha absoluta falta de sensibilidade cara a nosa lingua, cando non de manifesta hostilidade, do mesmo xeito que o goberno do Sr. Núñez Feijóo.”

A Portavoz municipal do BNG insiste en que “O Concello de Marín, como administración pública, ten o deber e a obriga de velar polo coidado, uso e protección do idioma galego, polo que o BNG solicitou o cumprimento do acordo plenario para a creación do Servizo de Normalización Lingüística e para que o goberno municipal leve a cabo medidas de uso e fomento do galego.”

“A situación da nosa lingua, en claro declive tal e como ven reflectido nos estudos realizados nos últimos anos, esixe actuacións claras que permitan reverter a tendencia. Non facer nada leva a desaparición da lingua”, afirma Lucía Santos.

E remata “en Galiza temos a inmensa sorte de posuír un idioma propio, non podemos deixalo morrer, e como dixo o insigne Castelao: “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.”

O BNG lamenta o incumprimento do goberno de María Ramallo en materia lingüística