O BNG lamenta o bloqueo do PP para axudar na conciliación familiar e laboral

Lucía Santos, Portavoz Municipal do BNG de Marín

Lucía Santos lamenta que “o PP non amose a mais mínima vontade en facer un estudo para levar a cabo a creación dun servizo de canguraxe municipal que axude na conciliación familiar e laboral”

O BNG lamenta o bloqueo do PP para axudar na conciliación familiar e laboral

O BNG trasladou ao Pleno Municipal celebrado onte xoves unha moción solicitando o estudo e creación dun servizo de canguraxe municipal, que foi desestimada cos votos en contra do PP.

A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, defendeu “a necesidade da creación deste servizo para axudar na conciliación familiar e laboral, especialmente no caso das mulleres, que son quen maiormente levan a responsabilidade do coidado das crianzas. Esta proposta foi elaborada durante as xornadas de traballo da comisión feminista do BNG coa idea de ser dirixida a unidades familiares con necesidades de conciliación con menores de idade comprendidas entre os 4 meses e os 12 anos.”

Lucía Santos continúa afirmando que “este servizo, ademais de axudar á conciliación, arranxaría novas problemáticas xurdidas a raíz da nova situación que estamos a vivir como consecuencia da COVID-19, como onde deixar a menores con clases confinadas pero que son negativos/as nas probas.”

Segundo expón a Portavoz Municipal do BNG de Marín “lamentabelmente son poucas as familias que están en disposición de poder solicitar unha reducción de xornada laboral e o traballo telemático é unha ferramenta que non está ao servizo da maioría, polo que resulta tremendamente complicado compaxinar a vida laboral coa familiar, especialmente no caso das mulleres.”

Segundo defendeu Lucía Santos “son moitos os concellos galegos que xestionan este servizo dende as concellarías de benestar social, creando programas de conciliación apoiados con subvencións da Xunta de Galiza e fondos sociais europeos que permiten a posta en marcha destes servizos municipais e que maiormente estas subvencións son devoltas á comunidade europea por falta de solicitudes.”

O BNG lamenta que o PP non amose a mais mínima vontade en facer un estudo para levar a cabo este servizo, alegando a falta de local e persoal e baseándose en que o concello carece de competencia para a creación deste servizo. 

O BNG lamenta o bloqueo do PP para axudar na conciliación familiar e laboral