O BNG demanda unha maior atención na rúa do Sol

IMG20210523170456

Lucía Santos insiste, unha vez máis, na necesidade de implantar medidas de control do tráfico na rúa do Sol, ademais de pedir unha maior limpeza desta rúa e o acondicionamento do espazo de contentores de lixo.

O BNG demanda unha maior atención na rúa do Sol

Dende o comezo de lexislatura o BNG trasladou en múltiples ocasións ao goberno municipal as queixas da veciñanza e comerciantes da rúa do Sol polo paso continuado de tráfico e aparcamento incontrolado, tratándose esta dunha rúa peonil. Estas queixas derivaron en controis puntuais da policía municipal mais o certo é que o tráfico nesta rúa segue descontrolado.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, volveu dar traslado na comisión de tráfico celebrada neste mes de maio desta situación, que en moitas ocasións chega a crear problemas para o acceso aos garaxes da veciñanza da rúa do Sol. Ademais, Lucía Santos, solicitou a limpeza de dita rúa xa que ao estar cuberta de pedra acumula suciedade polo paso continuo dos vehículos.

A Portavoz do BNG destaca que “estas queixas son continuas, tanto da veciñanza como dos comerciantes desta rúa, que lembran que malia ser unha zona peonil é imposíbel camiñar con seguridade xa que o paso de tráfico é constante.”

Por outra banda, Lucía Santos preguntou na comisión de medio ambiente polo estado dos contentores soterrados que se atopan nesta rúa e están constantemente estropeados orixinando a acumulación de lixo no seu arredor. A concelleira delegada da comisión, Marián Sanmartín, respostou que estaban pendentes de ser arranxados pola empresa Recolte, encargada da xestión do lixo, mais o certo é que isto acontece dende hai dous meses e a día de hoxe, a rúa do Sol, en pleno centro histórico da vila, segue amosando unha estampa lamentábel con contentores acumulados en plena zona comercial e rodeados de lixo e colchóns.

A portavoz do BNG afirma que “non comprendo a deixadez do goberno municipal polo estado desta rúa, tanto para o benestar da propia veciñanza como para a boa imaxe do comercio local.” 

O BNG demanda unha maior atención na rúa do Sol