O BNG lamenta a negativa do PP a mudar o pregón das festas

foto

O BNG solicitara adiantar a hora do pregón ou trasladalo a outro día como xesto de apoio á manifestación convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo.

Lucía Santos afirma que “o malestar existente en Seixo está totalmente xustificado” pois “esta situación de peches e redución de servizos no rural está a darse ao longo do país, coa complicidade do goberno do PP, e na práctica está a supoñer un desmantelamento do rural” 

O BNG lamenta a negativa do PP a mudar o pregón das festas

A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, despois de recibir o convite do Concello para asistir ao pregón das festas que se celebrará o vindeiro venres 9 de xullo ás 21 horas, trasladoulle á alcaldesa de Marín, a Sra. María Ramallo, a solicitude de adiantar a hora do pregón ou trasladalo a outro día como xesto de apoio á manifestación convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo.

Esta manifestación está convocada para o mesmo venres 9 de xullo, ás 20:30h, para reclamar uns servizos dignos e de calidade para a veciñanza de Seixo e das parroquias próximas, e como mostra de rexeitamento tanto ante calquera posibilidade de peche do Centro de Saúde de Seixo como ao xa anunciado peche da sucursal de A Banca, a única oficina bancaria existente no núcleo de Seixo.

Dada esta coincidencia, Lucía Santos solicitou nos pasados días o cambio do pregón do inicio de festas de Marín, “como mostra de apoio ás protestas xustificadas da veciñanza de Seixo en defensa duns servizos dignos e de calidade, que non só proporcionan servizos á veciñanza do núcleo de Seixo, senón tamén á veciñanza das parroquias próximas.”

O certo é que sobre Seixo sobrevoa desde hai moito tempo o temor ante posíbeis peches como o da oficina de correos e o Centro de Saúde, ao que hai que engadir o peche de entidades bancarias que en breve deixarán a zona sen servizo, sen unha soa entidade bancaria.

A Portavoz municipal do BNG afirma que “o malestar existente en Seixo está totalmente xustificado, pois non estamos ante un feito aillado. Esta situación de peches e redución de servizos no rural está a darse ao longo do país, coa complicidade do goberno do PP, e na práctica está a supoñer un desmantelamento do rural, cunhas consecuencias económicas e sociais de enorme importancia.”

Ante esta proposta do BNG de mudar a lectura do pregón das festas, recibimos a negativa do goberno local. Desde o BNG lamentamos que a Sra. María Ramallo se negue a tal modificación, nin tan sequera de hora, alegando que a lectura do pregón está programada dende hai tempo e non resulta sinxelo mudalo.

Lucía Santos lembra que “a lectura do pregón non é un evento de especial complexidade, polo que consideramos que cun mínimo de vontade sería moi sinxelo proceder a súa modificación, así que entendemos que a negativa obedece máis ben a un intento de contraprogramación á manifestación.” 

O BNG lamenta a negativa do PP a mudar o pregón das festas