O BNG denuncia o incumprimento do PP do acordo para a creación de espazos para autocaravanas
En febreiro de 2020 o BNG presentou unha moción solicitando a creación de espazo para o estacionamento de autocaravanas (en Galiza hai unhas 125 áreas), aprobada por unanimidade, que permitiría potenciar o sector turístico do noso concello, xenerando unha importante fonte de ingresos e a creación de emprego.
Lucía Santos lembra que “pasou o 2020 e chega o verán de 2021 e segue sen levarse adiante o proxecto, polo que o noso concello, nas mans do PP, volta quedar atrás unha vez máis. Estamos, pois, ante un novo exemplo de deixadez e absoluta falta de capacidade para abordar os problemas que ten o noso concello por parte dun goberno que, cómpre lembrar, conta con 4 adicacións exclusivas, 15 concelleiros e concelleiras e o goberno amigo da Xunta.”
En febreiro de 2020 o BNG de Marín presentou unha moción solicitando a creación de espazo para o estacionamento de autocaravanas, propoñendo dúas posíbeis localizacións: unha no entorno das praias e a outra no entorno do Lago de Castiñeiras. Dita moción foi aprobada por unanimidade no Pleno celebrado no mes de marzo de 2020 e cómpre destacar que naquel Pleno o PP afirmou que levaban varios anos traballando nese tema.
Esta proposta xa ía no programa electoral do BNG co que concorreu ás eleccións municipais de 2019. Mais coa chegada da pandemia no mes de marzo de 2020, o turismo de autocaravana incrementouse exponencialmente, e o BNG insistiu antes do verán pasado na importancia de executar o acordo plenario de dotar a Marín cunha área de estacionamento de autocaravanas.
A Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos lembra que “Mais a realidade é que pasou o verán de 2020 e non se creou a zona de autocaravanas. E chega o verán de 2021 e segue sen levarse adiante o proxecto. En Galiza hai unhas 125 áreas de autocaravanas, mais Marín non ten ningunha, polo que o noso concello, nas mans do PP, volta quedar atrás unha vez máis.”
Lucía Santos afirma que “estamos, pois, ante un novo exemplo de deixadez e absoluta falta de capacidade para abordar os problemas que ten o noso concello por parte dun goberno local do PP, que, cómpre lembrar, conta con 4 adicacións exclusivas, 15 concelleiros e concelleiras e o goberno amigo da Xunta. Marín non pode permitirse o luxo de ter un goberno que non exerce, que mira cara outro lado cando Marín lidera a nivel galego os concellos que perden poboación, cando non se crean empresas mentres nos concellos próximos si, cando o comercio local languidece, cando non hai alternativas de lecer para a veciñanza, especialmente grave no caso da mocidade.”
A Portavoz Municipal do BNG considera que “a dotación dun espazo de estacionamento para autocaravanas permitiría potenciar o sector turístico do noso concello, o que repercutiría nunha importante fonte de ingresos para o municipio e a creación de emprego.”
Lucía Santos insiste en que “o turismo de autocaravana é unha forma de viaxar e facer turismo en expansión, e moito máis despois da chegada da pandemia en marzo do ano pasado. Galiza conta con arredor de 125 puntos de servizo público para este tipo de vehículos. Marín non pode quedar ao marxe desta tendencia e debe apostar por atraer a estes visitantes.”
E lembra que “o noso concello ten un evidente déficit de oferta hoteleira. Porén, podemos tomar a iniciativa para mellorar esta situación dotándonos de zonas de aparcamento para autocaravanas. Isto permitiría atraer turismo e beneficiar ao comercio e á hostalaría locais. Alén diso, dariamos a coñecer Marín nas guías, webs e foros especializados onde se promoven este tipo de aparcamentos, incrementando o interese por visitarnos.”
A Portavoz municipal do BNG afirma que o Concello de Marín ten que poñer da sua parte para facilitar e atraer o turismo de autocaravanas, “por iso propoñiamos que Marín se dote de dúas zonas de aparcamento para estes vehículos dotadas dos servizos necesarios, como o subministro de auga e infraestrutura para desfacerse dos residuos líquidos e sólidos.”
Lucía Santos lembra as localizacións propostas polo BNG xa en 2019 e posteriormente en febreiro de 2020: “Unha localización a estudar debería ser no entorno das praias, a outra podería estar na zona de Castiñeiras. Atenderíamos por unha banda a demanda do turismo de sol e praia, e por outra aos visitantes que buscan outro tipo de lecer máis ligado á natureza e ao turismo histórico arqueolóxico. Castiñeiras e o seu entorno teñen un grande potencial medioambiental e patrimonial que debemos promover desde a administración local, contando sempre coas comunidades de montes propietarias dos terreos.”
E engade que estas actuacións deberían ir acompañadas dunha campaña de promoción destas instalacións a nivel galego, estatal e europeo. Viaxar en autocaravana é unha das formas mais habituais de desprazarse en moitos países europeos, como a Franza ou Alemaña, e cada vez é mais normal ver este tipo de vehículos polas nosas estradas. Temos aquí un potencial mercado onde dar a coñecer Marín.