O BNG acada o apoio do Pleno para a posta en valor das fontes
Lucía Santos considera que “a conservación, recuperación e posta en valor do noso patrimonio etnográfico debe ser unha prioridade para calquera goberno municipal” e afirma que “no noso concello podemos atopar numerosos elementos vencellados á cultura tradicional e ao noso pasado, tesouros que cómpre coidar.”
O BNG amosa a súa satisfacción polo apoio unánime do Pleno Municipal á moción que presentamos na que se solicitaba a rehabilitación e posta en valor das numerosas fontes do concello de Marín.
O BNG considera esencial a posta en valor do patrimonio etnográfico, entendido como o conxunto de manifestacións e tradicións que representan a cultura e a identidade popular dunha comunidade, e que no caso galego é sumamente rico.
Lucía Santos, Portavoz municipal do BNG, afirma que “Marín non é unha excepción, e no noso concello podemos atopar numerosos elementos vencellados á cultura tradicional e ao noso pasado, tesouros que cómpre coidar.”
A Portavoz do BNG considera que “a conservación, recuperación e posta en valor do noso patrimonio etnográfico debe ser unha prioridade para calquera goberno municipal”, e así foi cando o BNG estivo no goberno local co proxecto de rehabilitación e posta en valor dos lavadoiros do concello de Marín, por poñer un exemplo.
Nestes últimos meses, o goberno municipal levou a cabo a sinalización das fontes do noso concello, grazas a unha subvención outorgada pola Deputación de Pontevedra, que ten a finalidade de divulgar e mellorar a accesibilidade ao patrimonio etnográfico da localidade. Esta actuación serviu para localizar as numerosas fontes en todas as parroquias do concello, moitas delas ocultas pola maleza e o paso do tempo.
Lucía Santos lembra dous exemplos de fontes nun deficiente estado de conservación: “a fonte da Campela, na parroquia de Mogor, que se atopa en estado de total abandono, sen accesibilidade, polo que precisa unha intervención que permita a súa recuperación. E outro exemplo é a fonte coñecida como a fonte de Collazo, en Coirados, que coas diferentes obras realizadas na estrada PO-313, foi quedando cada vez máis soterrada e rodeada de cemento.”
É por isto que, aproveitando o labor de localización que se realizou para a súa sinalización, o BNG solicitou que o goberno municipal leve a cabo unha actuación integral que supoña a recuperación, limpeza e mellora das fontes do noso concello que non se atopen en bo estado e/ou constitúan exemplos de feísmo urbanístico.