O BNG pídelle ao PP que tome nota tras a histórica manifestación de Seixo
O BNG participou desta convocatoria onde, amais dunha nutrida representación de membros da organización local, asistiron os parlamentarios Montse Prado e Paulo Ríos, así como a Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos.
Lucía Santos entende que “a manifestación celebrada onte en Seixo foi un rotundo éxito, unha mobilización histórica e multitudinaria na que a veciñanza de Seixo dixo alto e claro que non van aceptar un peche do Centro de Saúde de Seixo”.
“O PP decidiu darlle as costas á veciñanza de Seixo e mirar cara outro lado”, en palabras de Lucía Santos.
Onte venres milleiros de persoas participaron en Seixo nunha manifestación multitudinaria na cal quedou de manifesto o total rexeitamento da veciñanza de Seixo e a súa contorna á posibilidade do peche do Centro de Saúde de Seixo e reclamando unha atención sanitaria digna.
O BNG participou desta convocatoria onde, amais dunha nutrida representación de membros da organización local, asistiron os parlamentarios Montse Prado e Paulo Ríos, así como a Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos.
Lucía Santos entende que “a manifestación celebrada onte en Seixo foi un rotundo éxito, unha mobilización histórica e multitudinaria na que a veciñanza de Seixo dixo alto e claro que non van aceptar un peche do Centro de Saúde de Seixo”.
E engade que onte “a veciñanza de Seixo e a súa contorna deu un paso moi importante para garantir a permanencia do Centro de Saúde. Foi un toque de atención fundamental, xa que dado o éxito da convocatoria, a Xunta non se vai atrever a pechar o Centro de Saúde.”
A Portavoz municipal do BNG lembra a importancia da mobilización social na defensa dos servizos públicos, e entende que “a continuidade do Centro de Saúde de Seixo será un logro da veciñanza de Seixo.”
Lucía Santos afirma que “o malestar existente en Seixo está totalmente xustificado, pois non estamos ante un feito aillado. Esta situación de peches e redución de servizos no rural está a darse ao longo do país, coa complicidade do goberno do PP, e na práctica está a supoñer un desmantelamento do rural, cunhas consecuencias económicas e sociais de enorme importancia.”
Por outra banda, o BNG non entende a postura do PP local en relación a este tema, de suma importancia para Seixo e a súa contorna, xa que “o PP decidiu darlle as costas á veciñanza de Seixo e mirar cara outro lado”, en palabras de Lucía Santos.
A Portavoz do BNG lembra que “o PP decidiu non participar na Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo. E non valen mentiras como as pronunciadas no Pleno da Corporación municipal celebrado o pasado xoves, no cal desde as filas populares xustificáronse alegando que non foron convidados. O PP participou na primeira asemblea da Plataforma e decidiu deixar de participar, polo que foi o PP quen se autoexcluiu da Plataforma.”
Lucía Santos continúa, “o PP non apoiou a moción presentada por vía de urxencia en defensa da permanencia do Centro de Saúde de Seixo, e negouse a aceptar a solicitude do BNG de mudar a hora ou o día do pregón das festas como mostra de apoio á mobilización. E como colofón, o PP non participou na histórica mobilización celebrada en Seixo.”
A Portavoz municipal do BNG remata afirmando que “o PP, unha vez máis, ponse de perfil na defensa dos intereses da veciñanza do noso concello, priorizando os intereses partidistas de cara a evitar molestar á Xunta do Sr. Feijóo. O PP debe facer unha reflexión profunda en relación a súa postura de darlle as costas á veciñanza de Seixo e contorna, polo que desde o BNG pedímoslle que rectifique e se una ás xustificadas reivindicacións da veciñanza.”