O BNG insiste na limpeza dunha vivenda abandonada nas Sete Espadas
Lucía Santos insiste ao goberno local “no desbroce e limpeza do lugar, xa que se atopa nun lugar rodeado de vivendas e xa se produciu un incendio no mesmo lugar hai uns anos, tendo que actuar os servizos aéreos para sofocalo, polo que o medo a que se repita é razonábel.”
No verán de 2022, a Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou no Pleno da Corporación municipal o mal estado no que se atopaba unha vivenda abandonada no lugar de Sete Espadas, en Mogor, que preocupaba á veciñanza por temor a un incendio.
Esta vivenda foi o local no que se celebraba o antigo baile das Sete Espadas, está situada a uns trinta metros da capela, e dado o seu abandono estaba totalmente cheo de silveiras e rodeado de acacias. Esta situación preocupaba tremendamente á veciñanza xa que debido á seca, á calor e ao mal estado no que se atopaba o local e as súas inmediacións presentaba un serio risco de incendio.
Lucía Santos afirmaba que “a veciñanza leva meses solicitando, sen éxito, ao goberno municipal unha actuación de desbroce e limpeza do lugar, xa que se atopa nun lugar rodeado de vivendas e xa se produciu un incendio no mesmo lugar hai uns anos, tendo que actuar os servizos aéreos para sofocalo, polo que o medo a que se repita é razonábel.”
Malia estas demandas veciñais e a solicitude do BNG, o goberno local do PP non levou a cabo ningún tipo de actuación, polo que Lucía Santos insistiu no Pleno da Corporación celebrado onte que o goberno local “atenda de inmediato á demanda veciñal e leve a cabo as xestións precisas para actuar nesta parcela, debido ao perigo que supón para a seguridade das persoas e as súas propiedades e a contorna deste lugar.”