O BNG denuncia a situación do río Lameira: obras de saneamento sen resultados visibles
Celia García afirma que “esta falta de limpeza e o vertido de augas residuais no río Lameira non só representan un problema ambiental, senón que tamén afectan á calidade de vida de quen reside nas proximidades.
Na pasada comisión do mércores 31 de xullo, o BNG de Marín amosaba a súa preocupación ante a situación do río Lameira, que, a pesar das obras de saneamento en curso, continúa presentando un estado de suciedade alarmante.
A veciñanza pode percatarse de como o río, a partir da zona da barriada dos suboficiais, baixa con lixo e refugallos, o que resulta incoherente coas obras de saneamento e un perigo para o ecosistema local.
O pasado martes nestas obras, que se pretenden como unha solución aos problemas de saneamento do río Lameira, levantáronse as conexións entre as casas de Jaime Janer que van ao Sequelo, o que levou a que augas fecais sexan vertidas directamente ao río, agraviando a contaminación da auga.
Esta falta de limpeza e o vertido de augas residuais no río Lameira non só representan un problema ambiental, senón que tamén afectan á calidade de vida de quen reside nas proximidades.
Por isto, dende o BNG de Marín demandamos ao Concello que tomen medidas inmediatas para abordar esta problemática. “É inaceptable que, en lugar de mellorar, a situación do río Lameira estea empeorando. As obras de saneamento do río tamén implican o saneamento da auga”, declara a concelleira Celia García.