O BNG interpela ao Concello sobre a xestión fiscal do colexio San Narciso
Tino Iglesias cuestiona ao goberno sobre a exención fiscal de áreas como pistas de pádel e o salón de actos do Colexio San Narciso, normalmente usadas para eventos non educativos.
Dende o Bloque Nacionalista Galego (BNG) queremos informar á cidadanía de Marín sobre a nosa intervención activa no pleno municipal de xuño, onde abordamos unha cuestión de vital importancia para a equidade fiscal no noso concello: a aplicación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) nas instalacións do Colexio San Narciso que non están destinadas a uso educativo.
Tino Iglesias, concelleiro do BNG, cuestionou ao goberno municipal sobre a razón pola que áreas considerables do Colexio San Narciso, como as pistas de pádel, a residencia e o salón de actos —este último habitualmente alugado para eventos privados—, gozan de exencións fiscais reservadas legalmente para espazos exclusivamente dedicados á ensinanza concertada.
Como resposta á pregunta, a alcaldesa María Ramallo confirmou no pasado pleno celebrado en xullo que o concello, en colaboración co Catastro, xa está en proceso de revisar estas áreas e de liquidar o IBI correspondente de maneira retroactiva. Celebramos esta decisión que se aliña coa nosa constante demanda de xustiza fiscal e transparencia administrativa.
Ademais, “preocúpanos que a xestión da propiedade do colexio poida ter cambiado de mans” manifestou Iglesias, pasando a ser controlada por unha entidade mercantil, “Solucións Educativas Integrais, S.A.” (SEIMARIN S.L.), dende 2019. Isto implica que a exención do IBI podería non ser aplicable dende ese ano, algo que require unha revisión e axuste inmediato por parte do concello para asegurar que se cumpra coa lei e que os ingresos debidos ao municipio se materialicen.
O BNG de Marín seguirá vixiante e activo para asegurar que se respecten as normativas e se protexan os recursos públicos. Non ceibaremos no noso empeño de facer de Marín un concello máis xusto e equitativo para toda a veciñanza.