O BNG denuncia a falta de mantemento das árbores de San Pedro

Lucía Santos Omil
Lucía Santos Omil, portavoz municipal do BNG de Marín

Lucía Santos indica que ‘é necesaria unha poda inmediata xa que estas árbores supoñen un risco para a seguridade da veciñanza’.

O BNG denuncia a falta de mantemento das árbores de San Pedro

O pasado sábado 4 de novembro, como consecuencia dos continuos temporais que vimos padecendo nas últimas semanas, coñecemos a nova da caída unha árbore na barriada de San Pedro, que nesta ocasión causou danos a unha furgoneta que se atopaba nese lugar e rompeu o tendido eléctrico desa zona, deixando sen luz durante dous días a varias rúas da contorna.

IMG-20231104-WA0000

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou ao goberno municipal en diversas ocasións a necesidade dunha intervención urxente no arborado na Barriada de San Pedro, dado que levan anos sen ser podados e limpados.

Lucía Santos comenta que xa caeron pólas das árbores noutras ocasións sobre o tendido eléctrico, debido ao gran peso que soportan pola falta de mantemento.

Sumado a isto, o perigo que teñen estas árbores é que se sitúan en lugares de tránsito para a veciñanza, ao carón das vivendas, do parque infantil, da pista de deportes, da escola infantil ou dos aparcamentos, o que pode supoñer lamentar danos persoais.

O BNG insiste na necesidade de facer unha poda inmediata xa que estas árbores supoñen un risco para a seguridade da veciñanza de San Pedro e lamentan que o goberno do PP non atendera ás demandas da cidadanía, que xa presentou dúas peticións trasladadas polo BNG con anterioridade.

O BNG denuncia a falta de mantemento das árbores de San Pedro