O BNG solicita melloras no servizo de autobús entre Marín e Pontevedra
Lucía Santos insta a tomar medidas urxentes para mellorar a puntualidade no transporte e reducir as esperas duplicadas nas paradas, priorizando a mobilidade da comunidade
A portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, trasladou á Comisión Informativa de Seguridade e Mobilidade, que tivo lugar o pasado xoves 2 de novembro, os problemas que afectan ao servizo de autobús Marín-Pontevedra xestionado por Monbus.
Lucía Santos subliña que as liñas de transporte non están a cumprir os horarios establecidos, o que provoca importantes atrasos nas rutas. Os tempos de espera nas paradas pasaron de vinte minutos, como está indicado nos horarios, a corenta minutos, o que causa molestias e inconvenientes para as persoas usuarias que dependen deste servizo para os seus desprazamentos diarios.
Este servizo de transporte rexistra unha gran demanda durante todo o ano, tanto pola veciñanza de Pontevedra como pola de Marín. É un servizo que atende as necesidades dun amplo abano de posibilidades abarcando tanto a estudantes, traballadores e traballadoras como por aquelas persoas que desexan gozar das praias durante os meses de verán, entre outras. Con todo, as queixas da cidadanía sobre os incumprimentos dos horarios e a sobrecarga nos autobuses veñen sendo unha constante dende hai tempo.
Ademais, a portavoz do BNG engade que as liñas de transporte con maior demanda, como os horarios de primeira hora da mañá ou do mediodía, están saturadas. Iso implica que moita xente se vexa obrigada a agardar na parada polo seguinte autobús.
Ante esta situación, o BNG solicita ao goberno local que inste á empresa Monbus a ofrecer un servizo de calidade, cumprindo estritamente os horarios establecidos e reforzando as rutas nos momentos de maior demanda. A satisfacción e a comodidade das persoas usuarias deste servizo deben ser unha prioridade, e é fundamental que se tomen medidas para resolver estes problemas que afectan á mobilidade da nosa comunidade.