O BNG critica a falta de solucións do PP en Cividanes

IMG_20210809_200921

Lucía Santos lamenta a falta de solucións manifestadas polo concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, que afirma que a actuación no muro de Cividanes pode tardar anos, cando en xaneiro de 2020 chega a afirmar que se trata dunha actuación “vital” ante o “risco de derrubamento”.

O BNG critica a falta de solucións do PP en Cividanes

Esta mañá o goberno local escoitou as demandas da veciñanza de Cividanes, do camiño San Jorge e da Costa, nun encontro que só foi posíbel pola presión exercida tanto polo BNG no Concello como pola veciñanza na rúa, que xa comezou a amosar o descontento coa situación de abandono na que se atopa a zona coa colocación de varias pancartas.

A Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que “a veciñanza ten toda a razón nas súas reclamacións, e esixe accións. É unha zona moi próxima ao centro da vila que se atopa totalmente abandonada, cun muro no Camiño de Cividanes, a carón dun grupo de vivendas e que sostén o estreito camiño de San Jorge polo que circulan numerosos vehículos cada día, que presenta un grave risco de derrube, cunha manifesta falta de mantemento do Camiño San Jorge e unha completa falta de limpeza da vexetación.”

Lucía Santos lamenta a falta de solucións manifestadas polo concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, que afirma que a actuación no muro de Cividanes pode tardar anos cando en xaneiro de 2020 chega a afirmar que se trata dunha actuación "vital" ante o "risco de derrubamento, polo que non se entende que agora o arranxo deste muro poida agardar anos. “O BNG seguirá demandando unha pronta solución ás xustas demandas da veciñanza da zona”, en palabras da Portavoz do BNG.

Mais a preocupación e enfado da veciñanza co goberno local do PP non se debe tan só á falta de atención que está a recibir a zona, senón á falta de cumprimento das promesas e de respostas coa que se atoparon até hoxe cando preguntaron en numerosas ocasións no Concello polo estado dos traballos en dito muro. Lucía Santos considera “unha situación absolutamente inadmisíbel, pois entendemos que o goberno municipal debe estar en todo momento ao servizo da veciñanza e tratar de dar resposta ás súas demandas, non ignorala.”

O muro, construido hai máis de corenta anos, fai de estrada de acceso a vivendas do Camiño San Jorge, estrada chea de baches e sen canalización para augas pluviais, polo que cando chove o acceso ás vivendas queda totalmente anegado. Ademais, esta estrada está soportada sobre dous pilares de formigón, gravemente deteriorados polo paso do tempo e que supón un perigo para a veciñanza da zona.

O concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, anunciou en xaneiro de 2020 que se ía comezar o proxecto de mellora do muro de sostemento do Camiño de Cividanes, xa que era unha actuación “vital” dado o mal estado de conservación desta infraestructura, cun custe de algo máis de 100.000 euros. O concelleiro de urbanismo chega a afirmar que “hai un risco de derrubamento”.

Nove meses despois, en outubro de 2020, Manuel Santos volta facer pública a mesma nota de xaneiro, exactamente a mesma. Estamos en agosto de 2021, pasaron 19 meses desde o primeiro anuncio, non se fixo absolutamente nada para realizar esta actuación “vital”, en palabras do propio concelleiro, e agora anúncialle á veciñanza que pode demorarse durante anos.

Cómpre recoñecer que algo si se fixo. A empresa que supostamente ía realizar os traballos de mellora do muro colocou dous postes, apuntalados por dúas grandes estruturas de cemento, unha colocada no muro da Finca de Briz e a outra diante da porta da casa dunha veciña, que o único que xereran son inconvenientes.

A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, “non comprendo como despois de 19 meses de promesas, esta obra, tan necesaria para a seguridade da veciñanza, continúa sen executarse.”

Lucía Santos comprobou “in situ” o estado da zona, onde se reuniu en dúas ocasións coa veciñanza, e insta ao concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, “a actuar de inmediato antes de ter que lamentar unha desgraza. Coincidimos coa veciñanza, e co concelleiro de urbanismo, en que esta é unha actuación vital dado o risco de derrumbe, mais cómpre actuar e deixarse de facer publicidade nos medios, polo que continuaremos esixindo a execución inmediata destas obras e unha maior seriedade nas súas funcións polo ben da seguridade da veciñanza.”

O BNG critica a falta de solucións do PP en Cividanes