O BNG aposta por un rural vivo

undefined

Lucía Santos afirma que “para o BNG o rural debe formar parte dun eixo de desenvolvemento económico do Concello, actuando como motor de iniciativas empresariais e turísticas. As parroquias son parte fundamental da nosa identidade como pobo e merecen moito máis.”

O BNG aposta por un rural vivo

Desde o pasado xoves a candidata á alcaldía, Lucía Santos, ven percorrendo o rural marinense, xunto con compañeiros e compañeiras do BNG de Marín, para presentar ante a veciñanza o proxecto do BNG.

Mogor, San Xián, Santomé, Loira ou Ardán foron algúns dos lugares por onde se deixou ver a caravana do BNG de Marín, “onde puidemos comprobar novamente que a corrente de simpatía cara o BNG é imparábel”, en palabras de Lucía Santos. E engade que “a veciñanza está a valorar moi positivamente a seriedade e o rigor do programa do BNG.”

O rural marinense é un dos tesouros máis descoñecidos do noso Concello. Asemade, sofre unha situación de deficientes servizos públicos: auga, luz, camiños, etc. Santos afirma que “para o BNG o rural debe formar parte dun eixo de desenvolvemento económico do Concello, actuando como motor de iniciativas empresariais e turísticas. As parroquias son parte fundamental da nosa identidade como pobo e merecen moito máis.”

A candidata á alcaldía manifesta que “o BNG de Marín está firmemente comprometido en acadar unha mellora substancial da calidade de vida no medio rural para facer que a veciñanza que vive fora dos cascos urbanos teña os mesmos dereitos e servizos que quen vive nas vilas.”

Entre outras propostas, o BNG presenta no seu programa os seguintes puntos dirixidos ao rural marinense:

1. A localización, inventario e protección do patrimonio cultural no rural.

2. Implantación de líneas de fibra para proporcionar o acceso á veciñanza da conexión a internet.

3. Realización de convenios de colaboración coas entidades parroquiais para dinamizar e desenvolver actividades culturais e de lecer.

4. Promoción da produción ecolóxica, como mellor forma de acadar un maior valor engadido.

5. Rematar a rede de saneamento do rural.

6. Garantir o servizo de auga a todos os núcleos rurais:

a. Elaboración dun estudo para que toda a veciñanza teña uns servizos mínimos de calidade (auga), en colaboración coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade mediante Augas de Galiza.

b. Preparación dun plan para apoiar e/ou municipalizar, se procede, os sistemas de autoxestión da auga (as traídas veciñais, os pozos privados, minas de auga…)

7. Mellorar e por en valor os espazos públicos de uso social nas parroquias.

O BNG aposta por un rural vivo