O BNG aposta por potenciar un turismo sustentábel e de calidade
Lucía Santos afirma que “temos a firme convicción de que Marín pode converterse nunha referencia turística polos seus innumerábeis recursos turísticos”
Santos engade que “o BNG aposta por un modelo transversal e diversificador, poñendo en valor os nosos recursos patrimoniais, culturais, etnográficos e paisaxísticos co obxectivo de incentivar a chegada do turismo de xeito regular e evitar que se concentre nuns poucos meses do ano.”
O BNG aposta polo turismo sustentábel, de calidade e plural. Lucía Santos, candidata á alcaldía do BNG de Marín, afirma que “temos a firme convicción de que Marín pode converterse nunha referencia turística polos seus innumerábeis recursos turísticos, cunhas condicións atraíntes e satisfactorias que motiven o coñecemento e desfrute responsábel.”
Santos engade que “o BNG aposta por un modelo transversal e diversificador, poñendo en valor os nosos recursos patrimoniais, culturais, etnográficos e paisaxísticos co obxectivo de incentivar a chegada do turismo de xeito regular e evitar que se concentre nuns poucos meses do ano.”
Lucía Santos manifesta que “a política do Concello dende hai 12 anos xira basicamente en torno á estacionalización do turismo (turismo de verán). Xa que logo, só se xera emprego temporal de tres meses ao ano.” E continúa, “no BNG apostamos por actuacións que avoguen pola desestacionalización do turismo coa finalidade de poñer en valor os nosos recursos etnográficos, mariños, histórico-artísticos, eco-xeográficos e arqueolóxicos para xerar emprego durante todo o ano.”
E para acadalo propón unha serie de medidas:
1. Potenciar o atractivo do noso concello ligado a Patrimonio, Cultura e Ambiente.
2. Creación dun Parque Arqueolóxico de Marín.
3. Por en funcionamento unha oficina que sexa un punto de información municipal á altura do potencial turístico de Marín.
4. Potenciar o transporte marítimo na ría e posta en valor da zona de atraque dos barcos de pasaxeiros:
a. Recuperación do transporte marítimo en época estival entre Marín e a illa de Ons.
b. Ampliación de rutas incluindo rutas á illa de Sálvora e a illa de Tambo e rutas nocturnas pola ría.
5. Mantemento e posta en valor do cemiterio de embarcacións tradicionais no antigo peirao como espazo que forma parte da historia de Marín e da nosa relación co mar.
6. Impulso dos recursos turísticos de Marín dentro da plataforma da Mancomunidade Turística Terras de Pontevedra (https://terrasdepontevedra.org/).
7. Fomento do ecoturismo e o turismo deportivo.
8. Realización dunha intervención paisaxística e mirador na baixada á praia de Portocelo no cruce coa estrada PO-551.
9. Creación dun espazo cos servizos necesarios para que os usuarios e usuarias de caravanas sitúen Marín no seu mapa de rutas. Dende o BNG entendemos que isto dotaría a Marín dun servizo demandado e, polo tanto, contribuiría a potenciar o sector turístico.
10. Posta en valor do Castro da Subidá.
a. Adquisición de terreos colindantes
b. Búsqueda de convenio para ampliación das excavacións.
c. Musealización dos restos arqueolóxicos.
11. Posta en valor do Parque da Brea:
a. Crear un espazo de recreo.
b. Potenciación do valor paisaxístico, cultural e arqueolóxico.