O BNG denuncia discriminación laboral por parte do goberno local

O BNG denuncia discriminación laboral por parte do goberno local

Limpeza privada2As diferenzas salariais chegan a ser de máis de 500€ por facer exactamente o mesmo traballo

O BNG denuncia a discriminación laboral que practica o goberno local do PP na contratación das persoas que desenvolven tarefas de xeito temporal no Concello a través de subvencións concedidas por outras administracións, en concreto, a través da Deputación e da Xunta de Galiza.

Diferenzas de até o 50%

“As diferenzas salariais entre traballadores contratados polo Concello chegan a ser de até o 50%. A premisa a igual traballo igual salario incúmprese intencionadamente por parte do goberno local do PP, o cal supón unha discriminación en toda regra por parte dunha administración que debería ser a primeira en velar por que se cumpran os dereitos dos traballadores e traballadoras, máxime cando se trata de persoal temporal con moitas necesidades e que, moi probablemente non volverán a ter ocasión de ser contratados en moitos meses”, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.

A premisa a igual traballo igual salario incúmprese intencionadamente por parte do goberno local do PP Foto: concello de Marín

En concreto, os nacionalistas denuncian que entre a  contratación de laboral a tempo parcial dos peóns subvencionados pola Deputación Provincial e os peóns subvencionados pola Consellaría de Traballo, as diferenzas salariais chegan a ser de 515,03€ por facer exactamente o mesmo traballo: “As bases da Deputación establecían que o Concello, debía complementar a cantidade necesaria ata acadar os salarios que correspondan por categoría profesional, mais o goberno do PP negouse a facelo, o cal xenera estas diferenzas que supoñen unha discriminación laboral en toda regra, ademais de lesionar a dignade das persoas que deben convivir facendo as mesmas tarefas, baixo a mesma administración e o mesmo xefe de servizo”, afirma o concelleiro nacionalista.

“Mentres que a un peón de obras subvencionado pola Deputación o Concello pagoulle 517,59€ por 25 horas semanais, aos que subvenciona a Xunta o Concello aboaralles 1117,18€ por trinta horas semanais, porque a orde obriga a aplicar o convenio laboral correspondente, o que na práctica supón pagar case o dobre polo mesmo traballo”, indica Xosé María Vilaboa.

“Ao Concello igualar os salarios suporíalle uns 13.000€ por seis meses de traballo , para que nos fagamos unha idea, practicamente o equivalente ao que percibe a alcaldesa en só un mes sumando as tres administracións das que cobra”, engade.

Sen intención de solventalo

Non existe ningunha intención de solventar esta discriminación por parte do goberno local do PP, xa que esta mesma mañá en Comisión Informativa, a delegada de persoal, Beatriz Rodríguez, afirmaba que eran conscientes da diferenza salarial mais que se amparaban na orde de subvención e non nos convenios laborais dos traballadores.

O goberno local está a vulnerar os dereitos máis fundamentais dos traballadores e traballadoras

“É inadmisible que o goberno local manteña unha actitude de abuso e desigualdade de trato entre traballadores cando afirma ter beneficios económicos mentres unha gran parte da poboación debe subsistir con traballos temporais ou axudas sociais que non lle dan para vivir”, afirma Vilaboa Ramos. “Tal como está o mercado laboral, estas persoas irán directamente ao paro unha vez rematado o contrato. A discriminación continuará cando vaian percibir o subsidio, xa que a percepción depende do que teñas cotizado”.

“O goberno local está a vulnerar os dereitos máis fundamentais dos traballadores e traballadoras, facendo uso e abuso do seu poder, e sen amosar intención ningunha de evitalo”, finaliza Xosé María Vilaboa.

 

Marín, 29 de setembro de 2014

O BNG denuncia discriminación laboral por parte do goberno local