Imprimir

Ana Pontón: “Aspirábamos a máis, pero triplicamos forzas e somos unha alternativa sólida que empeza xa a traballar polo cambio galego”

BNG de Marín | 13 de xullo de 2020

2020071300270871300
2020071300270871300

“Non oculto que aspirábamos a máis, que queríamos poñer en marcha un cambio galego pero empezamos a traballar xa para que dentro de catro anos ese cambio sexa posible e este país poida ter unha presidenta. Queríamos alcanzar o cumio pero hoxe estamos máis cerca e imos seguir avanzando, imos seguir escalando, porque o noso obxectivo e construír unha Galiza mellor, con futuro e con oportunidades, e non imos deixar de intentalo até conseguilo. Tendes a miña palabra”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa primeira valoración dos resultados electorais.

Un resultado que, recalcou, “tamén nos deixa esperanza porque hai unha alternativa sólida ao PP e imos traballar con humildade pero con paixón para conseguir ser esa alternativa de goberno sexa unha realidade en catro anos”, salientou.

Pontón fixo referencia ao gran salto adiante conquistado polo BNG. “A candidatura que tiven a honra de encabezar conseguiu un resultado histórico, aspirábamos a máis, pero triplicar é un resultado importante, un capital político que temos que seguir ampliando”, recalcou, “e a clave é confiar nas nosas propias forzas defendendo que hai outra Galiza posíbel e outra forma de entender a política”.

“Chegamos até aquí coa idea clara de que temos que seguir avanzado porque nada vai facer que perdamos a confianza no país e na súa potencialidade desde un resultado que marca un novo ciclo político para o BNG e para o país", indicou, despois de que fai catro anos, “case ninguén apostaría a que hoxe seríamos a segunda forza e con opcións de ter a Presidencia deste país”, confesou, tras subliñar que “detrás deste resultado está o amor a Galiza, a coherencia e un traballo colectivo inmenso”.

Pontón tamén deixou unha segunda mensaxe moi clara na noite electoral, que o importante agora é erguer o país e, tras felicitar ao candidato Feixóo, avanzou a man tendida para sacar Galiza adiante porque a prioridade é a vida das persoas.

“Estamos nun momento e nunhas circunstancias excepcionais, cunha pandemia que deixa unha crise sanitaria, social e económica sen precedentes e estas circunstancia requiren altura de miras, requiren política con maiúsculas porque o importante non é o resultado do BNG, nin de ningún partido, o importante é a xente deste país, as súas vida”, resaltou.

Palabras de afecto para A Mariña

E nesa prioridade focalizará o BNG a súa acción política, “traballar para que saiamos adiante, para poñer en pé este país sabendo que iso vai requirir políticas diferentes. Dixen moitas veces na campaña que se precisa un gran acordo de país pola reconstrución económica e social, e imos traballar para que ese acordo se produza. Agardo que o PP tome nota porque haberá que sumar moitas vontades e moita colaboración para saír adiante, pero iso é o que nos move: que este país teña un futuro mellor”, salientou.

Pontón aproveitou a comparecencia para agradecer a participación da cidadanía nesta xornada electoral nunhas circunstancias excepcionais, “nunha pandemia que aínda está entre nós como ben sabe a veciñanza da Mariña á que lle traslado todo o noso afecto”. Igualmente, agradeceu o traballo “a todas as persoas que estiveron nas mesas, de todos os partidos, porque neste contexto é especialmente de agradecer o seu traballo”. E tivo, obviamente, un especial agradecemento ás que estiveron representando ao BNG nos colexios electorais do país.

Máis de 300.000 agradecementos

“E, sobre todo, a cidadanía galega, quero agradecer a confianza ás máis de 300.000 persoas que confiastes no BNG, darvos o meu sincero agradecemento desde o corazón, e dicirvos que cada unha desas papeletas é unha razón poderosa para seguir loitando, e unha razón máis para ter esperanza e para construír unha Galiza con futuro”.

“Detrás está a ilusión e a esperanza de miles de persoas que, sendo ou non nacionalistas, collestes a papeleta do BNG, e quero facer unha mención especial a esa mocidade rebelde, inconformista, que defende o seu futuro, teñen o meu compromiso que seguirei traballando para que teñan unha Galiza na que poder vivir e traballar con dignidade”.

“Os soños son o motor do cambio e temos que seguir loitando por ese soño colectivo, defendendo os intereses dos galegos e das galegas e facer deste apoio un caudal que ten que seguir medrando”, explicou. Pontón rematou cun compromiso: “nunca vou aceptar un non por resposta cando se trate de Galiza, nunca vou aceptar un non por resposta cando se trate de defender o que é xusto para a xente deste país, porque esa é a razón de ser do BNG, e por iso estamos hoxe aquí”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/ana-ponton-aspirabamos-mais-triplicamos-forzas-somos-alternativa-solida-empeza-xa-traballar-polo-cambio-galego/20200713181639003768.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Marín