O BNG lanza unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar a creación de espazos para mascotas caninas
A primeira mesa informativa para a recollida de sinaturas estará dispoñible o xoves, 25 de abril, a partir das 11:00 horas na rúa Almuíña
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín anuncia o lanzamento dunha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao goberno municipal a creación de áreas recreativas específicas para mascotas caninas no concello. Esta iniciativa busca mellorar a convivencia e a integración das mascotas na vida comunitaria dos espazos públicos.
A primeira mesa informativa para a recollida de sinaturas estará dispoñible o xoves, 25 de abril, a partir das 11:00 horas na rúa Almuíña. Este evento permitirá á veciñanza a expresar o seu apoio para a proposta, que inclúe a implementación de áreas onde os cans poidan estar soltos sen risco de sancións e onde se minimicen os problemas de seguridade.
En xuño de 2022, o BNG xa tiña presentado unha moción solicitando a creación dun parque canino nos terreos do INVIED, xunto ao río Lameira. A demora en atender esta necesidade social levou ao BNG a tomar acción directa para recoller o apoio popular necesario para urxir ao goberno municipal a actuar.
"É vital que o noso concello recoñeza a importancia das áreas de esparcemento para as mascotas, que non só benefician aos animais senón tamén aos seus propietarios e á comunidade en xeral" afirmou Lucía Santos, portavoz municipal. "Esperamos que esta campaña axude a impulsar a creación de espazos seguros e agradables para todos."
O BNG convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta campaña e a axudar a facer do noso concello un lugar máis inclusivo e amigable para as mascotas.