‘Quo vadis’, Partido Popular?

Foto Lucía Santos
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

Lucía Santos lembra que "os partidos políticos deben adoptar solucións a problemas reais, e iso implica novas ideas, novas solucións e unha adaptación aos tempos."

‘Quo vadis’, Partido Popular?

A política local en Marín atópase nun cruce de camiños, onde a aparente inmobilidade do Partido Popular (PP) contrasta coas propostas transformadoras do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Este escenario é un espello do eterno dilema da teoría política: os gobernos deben liderar mirando cara á conservación do presente ou deberían guiar aos seus cidadáns cara a unha visión de cambio?

Nesta lexislatura, o grupo municipal do BNG, inspirándose nas ideas de Jürgen Habermas sobre a esfera pública e a democracia deliberativa, ten presentado unha serie de iniciativas positivas que buscan mellorar a calidade de vida dos marinenses: a instalación de aseos públicos, a adquisición do edificio Pais-Baladrón, propostas para vivenda pública, e un intento de acordo para un aparcamento temporal no solar das monxas. Así mesmo, tamén unha campaña activa para o empadroamento das persoas residentes non rexistradas ou a proposta de modificacións nas ordenanzas fiscais de vehículos e no IBI, entre outras medidas. Estas accións reflicten un entendemento da política coma xestión do común, rememorando a Hannah Arendt, facendo do espazo público o núcleo da acción e identidade comunitaria.

Contrastando con isto, atopamos un PP que parece sumido na "Lei de ferro da oligarquía" que Robert Michels describiu, afastándose das necesidades e desexos da base cidadá. A falta de transparencia, unha xestión de recursos discutible e a desconexión coa realidade social son síntomas dunha administración que perdeu o contacto coa cidadanía que debería servir.

As propostas do BNG, ignoradas en gran medida polo goberno local do PP, plantexan a cuestión de cal é a razón para desbotar iniciativas que procuran o benestar da veciñanza. Problemas con obras atrasadas, falta de transparencia institucional, xestión deficiente do persoal municipal: son exemplos que evidencian unha incapacidade de xestión que afecta directamente á vida dos marinenses.

Este ruxe-ruxe na veciñanza non é alleo ás preocupacións sobre o pluriemprego dos líderes do PP, que podería estar afectando a súa capacidade para xestionar efectivamente as necesidades do Concello de Marín. A dedicación teóricamente exclusiva para o municipio parece diluírse cando se atenden responsabilidades noutras administracións.

Marín merece unha política que supere as divisións e se enfoque no ben común, entendendo a xestión de recursos e a implementación de políticas sociais como parte de debates máis amplos sobre democracia, desenvolvemento sostible e cohesión social. As decisións políticas en Marín teñen implicacións que abranguen ben máis alá da política local, tocando aspectos fundamentais do poder, a participación cidadá, a innovación social e o compromiso cun desenvolvemento que pon o benestar comunitario por riba dos intereses económicos a curto prazo. Marín merece líderes que estean dispostos e dispostas a transcender diferenzas políticas para traballar cara un obxectivo compartido: un Marín máis xusto, inclusivo e próspero para todas. As decisións que tomemos hoxe forxarán o futuro da nosa infraestrutura, o noso tecido social e, máis importante aínda, o noso compromiso con principios éticos de xestión de recursos e desenvolvemento comunitario. Marín merece máis.

‘Quo vadis’, Partido Popular?