O PP de Marín impón as tarifas urbanas de taxi máis caras de toda a provincia

As tarifas comunicadas quedarán obsoletas nunhas semanas
As tarifas comunicadas quedarán obsoletas nunhas semanas
O PP de Marín impón as tarifas urbanas de taxi máis caras de toda a provincia

web tarifasOs taxistas de Marín perden competitividade fronte aos de Pontevedra e os máis prexudicados serán os usuarios marinenses

O concello de Marín pasará a ter as tarifas máis caras da provincia de Pontevedra, en canto se publiquen os prezos aprobados no último pleno, cos votos a favor do PP e do PSOE.

“Durante o debate plenario foi patente a ignorancia do concelleiro delegado de Tráfico sobre o que estaba aprobando. O señor Estévez limitouse a admitir as tarifas propostas por unha asociación de Pontevedra, competencia directa dos taxistas de Marín, sen sometelas a ningún estudo económico nin comparativa que advertise sobre o elevado e pouco competitivo prezo que pasará a ter agora o servizo público de Taxi de Marín”, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Advertencia do Consello Galego de Transportes

webO informe emitido polo Consello Galego de Transportes, ao cal si lle foron remitidas as tarifas, xa advirte de certos aspectos que vulneran a normativa vixente sobre a protección dos consumidores: “Os representantes dos consumidores neste órgano, que se reuniu o día 10 de xullo, votaron en contra das tarifas aprobadas en Marín, alertando de que se cobran servizos que non se prestan englobados nos servizos mínimos e que ademais nin sequera son homoxéneos en todos os concellos”, sinala a concelleira nacionalista. Sen embargo a opinión do señor Estévez Salazar é que “el estudio económico está muy bien”.

En contra da asociación de taxistas de Marín

O PP impón unhas tarifas que foron propostas pola asociación de autopatronos de Pontevedra: “Os intereses desta asociación son totalmente contrarios aos dos taxistas de Marín. Que Marín pase a ter as tarifas máis caras supón unha perda de competitividade a respecto dos de Pontevedra, e un abuso para os usuarios de Marín”.

“O incremento vai ser especialmente notable no caso de servizos nocturnos, festivos ou domingos. Nestes casos os prezos incrementáranse ate un 20% “, engade a concelleira do BNG.

“Tamén se encarecen os servizos en traxectos curtos dentro do termo municipal de Marín, co cal uns dos máis prexudicados serán os usuarios marinenses”.

Tres tarifas distintas nun só ano

As tarifas comunicadas quedarán obsoletas nunhas semanas

A incompetencia e irresponsabilidade do delegado de Tráfico, señor Estévez Salazar, obrigou aos taxistas de Marín a instalar o taxímetro sen estar aprobadas as tarifas, co cal se viron obrigados a aplicar as aprobadas pola Xunta: “As consecuencias son que os taxis de Marín aplicarán até tres tarifas distintas nun só ano e en poucos meses: as obsoletas dende xullo de 2013 por entrada en vigor da nova lei, as que tiveron que aplicar mentres o señor concelleiro pensaba que facer, e as aprobadas o venres pasado e que aínda non sabemos cando se aplicarán porque con toda probabilidade serán recorridas”, afirma Pilar Blanco.

Marín, 11 de agosto de 2014