O BNG daralle o protagonismo que merece á mocidade cunha concellaría exclusiva

O BNG daralle o protagonismo que merece á mocidade cunha concellaría exclusiva

 mocidadewebO BNG daralle o protagonismo que merece á mocidade cunha concellaría exclusiva e con medios para atender as súas demandas

Pilar Blanco extenderá o Plan de emprego municipal aos xóvenes destinando axudas ás empresas que os contraten

Os nacionalistas apostarán por contar cun programa cultural e de lecer amplo e variado e creará unha Casa da Mocidade

 

O BNG-AA marinense reuniu a pasada fin de semana a numerosos mozos nun concerto celebrado na Praza do Reloxo no que, ademais de gozar coa música, poideron achegarse ás propostas da candidatura nacionalista para este segmento da poboación á que “hai que darlle un maior protagonismo, facela partícipe do futuro da cidade e ofertarlle alternativas que permitan que sigan vinculados a Marín”, tal como sinalou a candidata, Pilar Blanco.

“Extender o Plan de Emprego municipal aos mozos é unha das iniciativas que poñeremos en marcha nos primeros meses de goberno, facilitando que acaden un posto de traballo a través de becas e axudas ás empresas que os contraten”, sinalou. Neste sentido, lembrou que o municipio caracterízase por ser un dos máis xóvenes de Galicia e que o padrón conta con máis de 4.000 mozos. “A política para eles desde o Concello non existiu, xa que o PP esqueceuse do 17 por cento da poboación que representan, algo que se suma a taxa de paro xuvenil, a máis alta do Morrazo”, sinalou.

Por iso, a alcaldable do BNG-AA incidiu en que “é prioritario mudar esta situación a través dunha oferta centrada no emprego, a formación, o lecer e o asociacionismo”. Para elo, os nacionalistas anunciaron que establecerán un convenio co Centro de Formación A Aixola con novas especialidades e crearán unha caixa de creto municipal para apoiar economicamente as iniciativas viables dos xóvenes emprendedores da cidade.

En canto á oferta de lecer, Pilar Blanco explicou que creará unha concellaría dedicada en exclusiva aos mozos e mozas, “con dotación económica para levar adiante un amplo programa cultural, musical e deportivo que faga que se queden en Marín e se sintan orgullosos da súa vila”. Así, a oferta incluiría un programa de Noites Mozas en colaboración cos colectivos, concertos de bar xunto coa hostalaría, eventos musicais, potenciación dos grupos locais e diversas iniciativas que poida aportar a mocidade.

No programa do BNG-AA inclúese tamén a prioridade de crear una Casa da Mocidade, “xa que a falta de espazos xuvenís é un claro reflexo da falta de preocupación do PP”, segundo Pilar Blanco, que lembrou que no actual mandato propuxo crear este equipamento nas casas doadas por Cruz Gómez Solla á Xunta na rúa do Sol, “pero a alcaldesa preferiu que revertera nos seus herdeiros e perder esta oportunidade”.

 

Marín, maio de 2015