Solicitamos a recuperación da Mámoa de Chan da Armada
O Concello de Marín conta cun rico patrimonio arqueolóxico como un menhir, restos de castros, mámoas ou petróglifos, mais a maioría dos xacementos rupestres cos que contamos, atópanse nunha grave situación de abandono ou de falta de protección sen sinalizar nin delimitar a zona na que se atopan.
Como consecuencia deste abandono, nos últimos anos cometéronse atentados ao patrimonio arqueolóxico como vertidos de lixo ou danos con maquinaria por falta de sinalización.
En febreiro do 2017, dende o BNG trasladamos unha proposta ao Goberno Municipal aprobada en pleno, para solicitar a elaboración dun Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos de Marín, a súa posta en valor para poñer en valor mediante sinalización e paneis explicativos e divulgación dos mesmos para a concienciación sobre a importancia do patrimonio arqueolóxico que temos no noso concello. Pero despois de case catro anos da aprobación do Plan de Protección, dende o BNG valoramos que os pasos dados dende o goberno municipal son claramente escasos.
Na última comisión informativa da Concellaría de Cultura, a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou que dende o Goberno Municipal leven a cabo as actuacións precisas para a recuperación da Mámoa de Chan da Armada (na parroquia de Santomé) xa que se atopa nun estado lamentábel.
A mámoa situada no lugar de O Pereiro, está totalmente cuberta de silveiras e arames, non se ve sinalización que a indique e o valado que delimita o perímetro da mámoa, anque é o único que identifica o lugar deste xacemento, tamén se atopa en mal estado.
Dende o BNG seguimos insistindo na importancia e urxencia a levar a cabo accións encamiñadas á posta en valor, recoñecemento e protección destes Bens de Interese Cultural antes de ter que seguir lamentando desfeitas sobre o importante patrimonio que posuímos.