O BNG leva ao Pleno do Concello as liñas de autobuses rurais de Marín
O 10 de Agosto deste ano producíase un cambio no transporte rural de Marín. Sen comunicación algunha á veciñanza de Marín a empresa decidiu facer unha modificación substancial do funcionamento das liñas de transporte.
O máis abraiante é que o servizo se efectuará a demanda a través de cita previa telefónica. Esta conxuntura ten a ver co nefasto plan do transporte público da Xunta de Galiza que afecta ademais aos máis cativos e cativas que van acudir ao colexio con adultos.
As queixas dos veciños e veciñas do Campo e Piñeiro están en sintonía coas xa denunciadas polo BNG pois ese Plan ten un impacto negativo no redeseño do transporte escolar, liñas e horarios e un proceso sen “diálogo e transparencia” cos concellos e a Comunidade educativa.
Desde o BNG apostamos por un novo modelo que satisfaga as necesidades veciñais e encontra deste proxecto realizado sen rigor e transparencia pola Xunta de Galiza.
O actual sistema galego de liñas de transporte público por estrada é consecuencia das políticas da dereita que foron facendo concesións con criterios clientelares. É un sistema obsoleto, que tiña que ter sido cambiado hai tempo mais o goberno de Feixóo optou desde 2010 por ocultar o problema e non facer nada. E desde a sentenza do TS de marzo de 2016 actuou con présas e precipitación.
En vez de afrontar unha verdadeira transformación do modelo de transporte público por estrada e de mobilidade en xeral, o PP opta por unha vía de parches que ten como un dos obxectivos adiar a posíbel solución para o 2020 para evitar a incidencia nos concellos antes das municipais de 2019.
Mais as mudanzas que se van implantar no período 2017-2019 van deixar moitas vítimas polo camiño: sen supoñer grandes melloras no sistema actual, van entregar o negocio a grandes empresas, eliminar moitas pequenas e medianas empresas, precarizar o traballo e destruir arredor de 1.000 empregos.
Tres federacións de empresas do sector do transporte amosaron pubicamente o seu rexeitamento en relación coa primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia por considerar que vai ser moi lesivo para o emprego, para as condicións salariais e laborais e para as empresas do sector en Galicia, na súa maior parte PEMES. Segundo as organizacións representativas deste sector empresarial, os contratos zonas anunciados pola Xunta de Galiza favorecen os intereses das grandes empresas multinacionais.
Ao mesmo tempo, os sindicatos con representatividade no sector tamén mostraron o seu rexeitamento ao citado Plan e convocaron unha folga indefinida que comezou o 20 de xuño.
Por outra parte, os anteproxectos de contratos zonais sometidos a información pública por parte do goberno galego adoecen de numerosos erros e en moitos casos as liñas deseñadas non responden ás necesidades de mobilidade da poboación. O lóxico tería sido abrir un proceso de diálogo e participación con diferentes axentes institucionais e sociais para corrixir, mellorar ou ampliar as propostas iniciais.
Por outra parte, o BNG considera necesario enmarcar as propostas sobre o transporte público por estrada nun debate máis amplo sobre mobilidade en xeral, co obxectivo de deseñar un plan integral centrado nunha aposta decidida pola mobilidade sustentábél e a procura de solucións específicas que teñan en conta a diversidade xeográfica do país.
Por outro lado, é preciso que a Xunta de Galiza dea marcha atrás na supresión de liñas de transporte escolar porque non pode haber nenas e nenas de “segunda categoría”. Defendemos que Marín debe apoiar unha Mesa de diálogo polo transporte público coa presenza da Xunta, sindicatos, empresas, concellos, comunidade educativa para deseñar unha política de transporte moderno.
Son moitos os problemas que suscita este plan, como a exclusión por idade, sobre todo no transporte escolar e maiores de 65 anos, non foron creadas “lanzadeiras” para o transporte comarcal que comunique o rural e as cabeceiras de comarca para posibilitar as comunicacións coas vilas e cidades, carecemos de regularización horaria que permita saídas e regresos do rural a zonas urbanas e tamén carecemos de “garantías de mantemento dos servizos preexistentes”.
O BNG solicita que o Concello de Marín insta á Xunta de Galiza a
-
Suspender a tramitación da chamada primeira fase do Plan de Transporte Público de Galiza e dos corenta e dous anteproxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada.
-
Abrir un proceso de diálogo e participación social e institucional arredor do transporte público por estrada e da mobilidade en xeral.
-
Desenvolver un novo sistema integral de mobilidade pensado en función das necesidades do noso país e que estea ao servizo da vetebración territorial e a cohesión social, cos seguintes principios básicos:
- Mellorar o transporte público por estrada, superando o actual modelo que está anticuado e obsoleto. Esta mellora pasa pola articulación de solucións, como o transporte a demanda, que teñan en conta a realidade demográfica, territorial e de asentamento da poboación do noso país.
- Potenciar o desenvolvemento da rede interna do ferrocarril e promover os servizos de proximidade, que están sendo desmantelados; asunción polo goberno galego das competencias sobre a rede interna e creación dun ente público de xestión das cercanías (GALTRÉN).
- Fomentar o transporte marítimo de ría como alternativa ao transporte por estrada nas zonas costeiras.
- Potenciar as formas de mobilidade natural (a pé e bicicleta) sempre que sexa posíbel, en desprazamentos de curto percorrido e zonas urbanas e periubanas, creando condicións de seguranza viaria e accesibilidade favorábeis.