Recital Poético Aberto en homenaxe a Rosalía de Castro
O domingo 24 de febreiro o BNG de Marín organiza un acto en homenaxe á nosa gran escritora Rosalía de Castro, que terá lugar ás 12h. na praza da Veiguiña
O domingo 24 de febreiro ás 12.00h terá lugar, na Praza da Veiguiña en Marín, a seguinte parada da Axenda Cultural organizada polo BNG de Marín neste primeiro semestre do ano. Nesta ocasión gozaremos dun recital poético dedicado á mellor escritora galega de todos os tempos, a gran Rosalía de Castro.
Contaremos coa presenza de Daniel Chapela, colaborador cultural da Axenda de Meiro (Bueu), a de varios membros da candidatura do BNG de Marín, como Lucía Santos, Pedro Cortegoso, Jessica Souto ou Xurxo Agra, e achegaranse tamén nenos e nenas que colaborarán recitando poemas de Rosalía.
Desde o BNG animamos á veciñanza de Marín a que se achegue este domingo á praza da Veiguiña e participe desta sinxela, mais sentida, homenaxe que a nosa organización lle renderá a Rosalía con motivo da data do seu nacemento.
No BNG queremos reivindicar a nosa cultura e ás nosas grandes figuras, e iso facemos a cotío; como nesta data sinalada, na que reivindicamos e lembramos a Rosalía, muller feminista, adiantada ao seu tempo, reivindicativa da nosa lingua e da nosa Terra.