O PP impide a aprobación da moción do BNG en defensa da Sanidade Pública
María Ramallo e o PP de Marín executan o papel de fieis escudeiros de Feixóo para xustificar o inxustificábel, negándose a defender os intereses de Marín, apostando polo desmantelamento por lotes da sanidade pública para beneficiar os intereses privados que pretenden facer negocio da saúde, en contra dos dereitos e necesidades da cidadanía, que son quen sofre as consecuencias das listas de espera e as saturacións.
O Pleno da Corporación Municipal de Marín tratou este pasado mércores unha moción en defensa da Sanidade Pública presentada polo BNG na que solicitabamos unha serie de melloras no noso concello e instar á Xunta de Galiza a rectificar unha política sanitaria que está destruíndo a sanidade pública dos galegos e galegas e poñendo en risco o dereito á saúde.
No debate da moción, Lucía Santos lembrou que o gravísimo deterioro da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega. Un deterioro que é o resultado dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.
A Portavoz Municipal do BNG, e candidata á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de maio, enumerou tamén na súa intervención os recortes e incumprimentos que o noso concello padece en materia sanitaria, como a falta dunha ambulancia 24 horas desde hai 8 anos e a falta de palabra na dotación do servizo de Radioloxía no novo Centro de Saúde.
A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade. Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.
A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas aban-donadas durante horas, PACs ao limite...
Hai unanimidade entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais, doentes... en denunciar o grave deterioro que están provocando as políticas sanitarias do Partido Popular. Mais malia a evidencia, a alcaldesa María Ramallo, tirou na súa intervención de relato fantástico para afirmar que a sanidade pública vai ben, negando a teimuda realidade, para xustificar o seu voto contrario á moción do BNG. Todo o mundo está equivocado menos o PP?
Desde o BNG non cremos que o PP viva nunha realidade paralela. María Ramallo e o PP de Marín executan o papel de fieis escudeiros de Feixóo para xustificar o inxustificábel, defendendo o desmantelamento por lotes da sanidade pública para beneficiar os intereses privados que pretenden facer negocio da saúde, en contra dos dereitos e necesidades da cidadanía, que son quen sofre as consecuencias das listas de espera e as saturacións.
As medidas que presentamos na nosa moción ían encamiñadas a mellorar a atención sanitaria da cidadanía e as condicións nas que os e as profesionais da sanidade desenvolven o seu traballo. Mais a postura do PP tampouco é de estrañar. O PP é unha organización ao servizo do poder económico, e a sanidade é un pastel moi suculento, que están a entregar por fascículos ao sector privado.
Estas eran as nosas propostas, que o PP rexeitou:
1. O Pleno do Concello de Marín insta á Xunta de Galiza a:
- Cubrir as baixas de longa duración dos profesionais sanitarios.
- Restablecemento do servizo de Ambulancias 24 horas.
- Dotación de 2 prazas de carácter estábel de Fisioterapeuta no Centro de Saúde de Marín.
- Equipación e funcionamento dun servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín, así como a dotación do persoal necesario.
- Funcionamento dun Servizo de Farmacia no Centro de Saúde de Marín, coa correspondente dotación de persoal.
2. O Pleno do Concello de Marín insta á Xunta de Galiza a tomar as seguintes medidas nun compromiso claro de que se rectifica unha política sanitaria que está destruíndo a sanidade pública dos galegos e galegas e poñendo en risco o dereito á saúde:
a) Aumento do orzamento destinado a Sanidade
b) Dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías/ contratos estábeis e dignos /substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas de formación de especialistas, MIR
c) Eliminación listas de espera: contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos...e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.
d) Plan de Mellora de Atención Primaria: incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria./ Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria./ Mellorar os equipamentos nos centros de saúde e PACs / Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.
e) Reverter as privatizacións e xestión propia dos servizos sanitarios
f) Eliminación dos copagos farmacéuticos.