Presentación Os bicos feridos - Anna R. Figueiredo
O vindeiro martes 29 de xaneiro comezan as actividades culturais que o BNG de Marín organiza neste primeiro semestre do ano, coa presentación do libro de Anna R. Figueiredo "Os bicos feridos".
O vindeiro martes 29 de xaneiro ás 20.00h terá lugar na Biblioteca Vidal Pazos a primeira cita da Axenda Cultural levada a cabo polo BNG de Marín neste 2019. Nesta data contaremos coa compaña de Daniel Chapela, colaborador cultural natural de Meiro Bueu, Jessica Souto membro da candidatura do BNG de Marín e Ana R. Figueiredo autora de “Os bicos feridos”, a súa primeira novela e Premio Viaductos de Novela 2018. Esta moza ourensá está comprometida coa nosa lingua, licenciada en Física, é mestra de Secundaria, escritora, e gañadora de diversos premios como o “Quintal literario” de relatos curtos.
Tendo en conta a significativa situación que sofre o concello de Marín, coa perda dun 6.29% de poboación nos últimps anos, mentres que os concellos limítrofes aumentaron a súa porcentaxe, debéndose a unha variedade de causas, entre as cales, está a inexistencia dunha axenda cultural e de ocio, cunha falta clara de opcións de lecer para a mocidade, e para os nenos e nenas, que son a semente do noso pobo e da nosa sociedade, nós pensamos que isto debe e pode mudar.
Dende o BNG apostamos por traballar para sacar adiante unha Axenda Cultural diversa e enriquecedora para este ano 2019; tendo xa organizado o primeiro semestre. Entre as seguintes citas, no mes de febreiro, Juan Parcero presentará Vento na cara no Museo Manuel Torres o día 14 ás 20h, e se realizará un recital poético na honra de Rosalía de Castro na alameda que leva o seu nome o día 24 ás 12h, como conmemoración do seu nacemento.
O 21 de marzo ás 12h na Alameda de Seixo, haberá un recital poético polo Día da Poesía, nun acto que contará coa presenza de poetas da contorna. A seguinte cita será o 5 de abril ás 20h no Museo Manuel Torres, coa presentación de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, galardoada co I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil e escrita por Antonio M. Fraga. O día 25 ás 20h será o turno de Ana Cabaleiro, gañadora do Premio García Barros con As Ramonas, obra que traerá a Marín.
Como colofón, no mes de xuño presentarase o novo libro de Eva Mejuto, Memoria do Silencio, o día 6 de xuño ás 20h no Museo Manuel Torres; e o día 27 ás 20h, Iria Collazo fará de peche con A casa do paralelo 54.
Grazas ás diversas iniciativas das asociacións culturais do noso pobo, e a inquietude do equipo humano do BNG, Marín seguirá vivo culturalmente, a cultura é parte da vida; mais non grazas ao desgoberno do PP que segue sen fomentar nin apostar polo coñecemento, a participación e o lecer.