O PP bloquea a moción do BNG solicitando o rexeitamento de parques eólicos no Morrazo
Lucía Santos afirma que “a negativa do PP a debater a moción demostra un comportamiento déspota e unha falta de respecto tanto aos grupos de oposición como á propia veciñanza de Marín, que ten dereito a coñecer o posicionamento do goberno municipal ante un proxecto desta envergadura, que afecta de cheo a dúas parroquias do noso concello.”
Paulo Ríos lembra a situación de “espolio e depredación eólica” que está a vivir o país nestes momentos, que “non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico”
Galiza está sofrendo un boom eólico sen precedentes. As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado están a aproveitar a necesidade de desenvolver unha transición enerxética que abandone enerxías fósiles creando en Galiza unha gran produtora de enerxía.
Esta expansión eólica está a desenvolverse sen unha adecuada planificación e control público, e sen garantías para a participación social e a protección do patrimonio natural e dos usos sociais e económicos do noso territorio.
A comarca do Morrazo está no punto de mira, xa que a empresa ACS vén de realizar un tanteo das Comunidades de Montes en Man Común, para instalar un parque eólico nos montes do Morrazo, que afectaría ás parroquias de Santomé e Ardán no Concello de Marín, as parroquias de Ermelo e Cela en Bueu, e á parroquia de Moaña en Moaña.
A propia Mancomunidade de Montes do Morrazo vén de posicionarse en contra deste proxecto de parque eólico ao considerar, entre outros motivos, que a instalación destes muíños (de 3MW, 150m de alto e a 20m soterrados) pon en perigo os acuíferos e a súa instalación suporía a construción de pistas de acceso de grandes dimensións, o que conleva a destrución dunha zona de importante valor ambiental e paisaxístico, ademais do importante impacto negativo sobre a vida das persoas e da fauna.
É por isto que a portavoz do BNG, Lucía Santos, rexistrou unha moción para ser tratada no pleno municipal de decembro, solicitando o rexeitamento da Corporación do Concello de Marín á instalación de parques eólicos nos montes do Morrazo. Amais, a moción presentada solicita da Xunta que desenvolva un novo marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais cun novo Plan Sectorial Eólico que conte coa participación dos axentes implicados e insta á Xunta para que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais e á xeración de riqueza e emprego no país.
A moción presentada polo BNG foi trasladada á comisión informativa de urbanismo previa ao pleno, na que o concelleiro da área, Manuel Santos Costa, forzou unha votación para deixar sobre a mesa dita moción contra a votade da ponente, a portavoz municipal do BNG, que insistiu en non aceptar a paralización do trámite da moción, presentada previamente en tempo en forma.
Lucía Santos considera esta actuación do PP “un abuso de poder do goberno do Partido Popular para así evitar posicionarse ante este debate por intereses políticos. A negativa do PP a debater a moción en defensa dos montes do Morrazo demostra un comportamiento déspota, e unha falta de respecto tanto aos grupos de oposición como á propia veciñanza de Marín, que ten dereito a coñecer o posicionamento do goberno municipal ante un proxecto desta envergadura que afecta de cheo a dúas parroquias do noso concello.”
A Portavoz municipal denuncia que “o veto do goberno de María Ramallo a esta moción atenta directamente contra os principios democráticos máis elementais. Curiosamente, esta moción está sendo tratada en todos os concellos do Morrazo con total normalidade, excepto en Marín, único concello da comarca gobernado polo Partido Popular, e o máis afectado polo proxecto eólico.”
Ante esta situación, o BNG insistirá en que este proxecto de parque éolico se trate no Pleno da Corporación municipal, de cara a que os grupos expresen o seu parecer e a veciñanza sexa coñecedora da posición dos mesmos, e que o goberno municipal do Partido Popular manifeste o seu posicionamento ante esta importantísima cuestión.
Pola súa banda, o parlamentario de BNG Paulo Ríos lembra a situación de “espolio e depredación eólica” que está a vivir o país nestes momentos, cun desenvolvemento “sen precedentes” e a implantación de novos proxectos eólicos con moitos e graves problemas ao longo do territorio “porque se está facendo sen planificación, sen un axuste ás necesidades medioambientais e sociais do noso país e sen o máis mínimo consenso”.
Este boom eólico sen precedentes “non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico”. Neste sentido, recrimina o papel consentidor do Goberno central e moi especialmente o do Goberno de Núñez Feixóo, “que dende a Xunta está impulsando numerosos cambios legais para achaiarlles o camiño ás compañías eléctricas”.
O BNG propón “un modelo alternativo con medidas que permiten ordenar o sector, protexer o medio ambiente e obter un retorno económico para as galegas e galegos. Un modelo sustentábel, xusto e reverta en beneficio das galegas e os galegos.”