O BNG denuncia o ataque a súa sede
Lucía Santos afirma que “ao contrario de quen pretenden calarnos, de xeito covarde, continuaremos traballando día a día, na rúa e nas institucións, e sempre, sempre dando a cara, de fronte e coa cabeza ben alta”
Entre a noite do pasado domingo e a mañá deste mércores a sede do BNG de Marín sufriu un ataque no que foi arrincada tanto a placa co logo do BNG e os carteis existentes na entrada do local, como a bandeira galega e os carteis colgados no balcón e ventás do primeiro andar. Os autores ou autoras tiveron que escalar pola fachada do edificio para acceder ao balcón.
A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que o ataque limitouse ao exterior da sede, mais “non foi un acto improvisado, senón unha acción planificada para roubar e ocultar a mensaxe do BNG, un intento de limitar a nosa acción política e tentar infundir medo entre a militancia.”
O BNG de Marín xa fixo a correspondente denuncia deste ataque contra a sede da organización local. Cómpre lembrar que este non é o primeiro ataque que sofre a sede do BNG de Marín, se ben é certo que había moito tempo que non acontecía, e tampouco é un ataque aillado, pois nos últimos tempos o BNG foi obxecto de varios ataques nas súas sedes e en vivendas de compañeiros e compañeiras, dirixidos a tratar de amedentrar a nosa militancia.
Descoñecemos a identidade dos autores ou das autoras deste ataque, mais todo parece indicar que se trata dun ataque procedente de elementos da dereita máis rancia e españolista, tan envalentonada nos últimos tempos.
Lucía Santos declara que “as persoas responsábeis desta acción deben saber que non nos van facer calar. Este tipo de actuacións antidemocráticas o único que fan é autoafirmarnos, máis aínda se cadra, nos nosos principios e na nosa determinación para continuar co noso traballo a prol dos e das marinenses e da nosa Terra.”
“Ao contrario de quen pretenden calarnos, de xeito covarde, continuaremos traballando día a día, na rúa e nas institucións, e sempre, sempre dando a cara, de fronte e coa cabeza ben alta”, remata a Portavoz municipal do BNG de Marín.