O BNG organiza un Acto Aberto sobre aparcamento e mobilidade

O encontro, que se celebrará o xoves 7 de novembro ás 20:30h. na Biblioteca Municipal Vidal Pazos, busca achegar á veciñanza as iniciativas do BNG para resolver a problemática da falta de aparcamento

O BNG organiza un Acto Aberto sobre aparcamento e mobilidade

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) convoca á veciñanza de Marín a participar nunha charla informativa que terá lugar o vindeiro xoves 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Este encontro ten como obxectivo principal compartir e debater co público as propostas que o BNG está a desenvolver para mellorar e estender as opcións de aparcamento na vila, así como para optimizar a mobilidade e facer de Marín un espazo máis accesible e cómodo para residentes e visitantes.

Nos últimos anos, a falta de espazos de aparcamento público agravouse de forma preocupante. As obras impulsadas polo goberno do Partido Popular (PP) foron eliminando unha parte significativa das zonas destinadas a aparcar sen ofrecer alternativas adecuadas. Esta situación xera tensións no día a día da veciñanza, en especial para as persoas que se desprazan desde as parroquias ao centro urbano. Ademais, o comercio local vese fortemente afectado pola redución de prazas de aparcamento, que limita a chegada de clientela e compromete a súa viabilidade económica.

O BNG anima á veciñanza a asistir a esta charla, onde se presentarán as propostas concretas que a organización está a desenvolver para crear novas alternativas de aparcamento e mellorar as xa existentes. O encontro tamén ofrecerá un espazo de diálogo para recoller ideas e fomentar solucións conxuntas que permitan mellorar a accesibilidade e dinamizar o centro de Marín.

O BNG organiza un Acto Aberto sobre aparcamento e mobilidade