O BNG denuncia as graves deficiencias da piscina municipal
Dende o BNG denunciamos as graves deficiencias na piscina municipal de Marín a pesar de investimentos de máis de 600.000 euros, e solicita explicacións ao goberno local.
Lucía Santos lembra que "aínda que esta queixa foi remitida ao grupo de goberno no momento da reapertura, é inaceptábel que sigan sen arranxalo, non hai excusa."
A voceira municipal do BNG, Lucía Santos, realizou unha visita ás instalacións da piscina municipal acompañada de membros do Consello Local do BNG, tras recibir múltiples queixas de usuarias por deficiencias nas instalacións deportivas.
Lucía Santos amosa a súa perplexidade polo estado no que se atopa o edificio e indica que como pode ser posíbel que tan só 5 meses despois da reapertura do centro deportivo, no pasado mes de abril, e tras unhas obras que custaron máis de 600.000 euros, nas que se actuou nas fachadas, na cuberta das instalacións e interior dos vestiarios, o edificio xa presente danos na sala de actividades por filtracións de humidade.
Ademais os vestiarios que presuntamente tamén foron renovados, teñen as paredes en mal estado, con azulexos rotos e pulsadores de duchas que non funcionan.
Na remodelación da edificación elimináronse as fiestras da sala de máquinas, o que impide ventilar para crear corrente de aire. O que resulta máis sorprendente é que o centro deportivo segue sen ter aire acondicionado, esencial para unhas instalacións onde se realiza exercicio e se acumula a condensación, creando un ambiente insoportable.
A todo isto temos que sumarlle o mal estado das máquinas, cheas de óxido e en condicións que impiden o seu uso, ademais das taquillas, varias delas fóra de servizo por estar estropeadas.
Mais por se fora pouco, a voceira do BNG indica que o ascensor segue sen funcionar e manifesta que resulta vergoñento que o Concello de Marín teña abertas ao público unhas instalacións deportivas que non cumplen coas medidas de accesibilidade.
Aínda que esta queixa foi remitida ao grupo de goberno no momento da reapertura, é inaceptábel que sigan sen arranxalo, non hai excusa.
Resulta chamativo que cada vez que o goberno do PP leva a cabo unnha obra, esta remate cun resultado deplorábel. Lamentábelmente, temos exemplos dabondo: a paralización das obras do centro xuvenil no Liceo Casino, o sobrecusto das obras do auditorio, o mal estado das instalacións do Paseo Alcalde Blanco, ou o resultado final da remodelación do Paseo da Avda. de Ourense.
Dende o BNG solicitamos ao grupo municipal unha explicación de onde se investiron os máis de 600.000 euros destinados a unha mellora das instalacións da piscina municipal que non cumpriron o seu cometido.