O BNG denuncia novamente as deficiencias da piscina municipal
As primeiras choivas revelan as graves deficiencias na piscina municipal e Lucía Santos denuncia que, malia un investimento de 604.000 euros, as goteiras e filtracións nas instalacións poñen en risco a seguridade das persoas usuarias e esixe a reparación inmediata por parte da empresa adxudicataria
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a aparición de goteiras e filtracións na piscina municipal de Marín, unhas deficiencias que se fixeron evidentes coas primeiras choivas deste outono. Estes problemas chegan apenas unha semana despois de que o BNG advertise sobre as filtracións de humidade nas instalacións, o que xa sinalaba a existencia de deficiencias significativas.
Segundo lembra Lucía Santos, concelleira do BNG no Concello de Marín, “a situación actual é inaceptable. As melloras anunciadas en febreiro deste ano polo concelleiro do Partido Popular (PP) de deportes, Antonio Traba, nas que se investiron preto de 604.000 euros, incluían unha intervención integral na cuberta, nas fachadas e nas estruturas metálicas da piscina”. Apenas uns meses despois, esas obras mostran claros signos de deficiencia, como demostran as goteiras que afectan tanto ás zonas de baño como ás áreas de acceso, creando un perigo real para os usuarios.
Dende o BNG, esiximos que a empresa adxudicataria das obras, Sergonsa Servicios S.L., cumpra coas súas obrigas contractuais e proceda de maneira inmediata á reparación das deficiencias observadas, en base ao prazo de garantía establecido no contrato. A falta dunha intervención urxente por parte da empresa ou do Concello para resolver estes problemas supón un desprezo pola seguridade e benestar dos veciños que fan uso destas instalacións diariamente.
Lucía Santos tamén quixo subliñar que “estas goteiras non só prexudican ás persoas usuarias, senón que poñen en dúbida a transparencia e a eficacia da xestión municipal. Se se investiu tal cantidade de diñeiro nunha mellora integral, resulta inadmisible que, coas primeiras choivas, xa esteamos vendo este tipo de desperfectos.”
O BNG insta ao Concello de Marín a ofrecer unha explicación clara e detallada sobre os traballos realizados e as razóns polas que, a pesar do elevado investimento, non se conseguiu resolver o problema da cuberta. “A veciñanza de Marín ten dereito a unhas instalacións deportivas seguras e en condicións óptimas, e non a estar exposta a riscos innecesarios por fallos que deberían estar resoltos”, engadiu Santos.