O BNG reclama transparencia na xestión da Festa Corsaria
Un mes despois de solicitar o expediente da Festa Corsaria, a documentación segue estando incompleta. O BNG reclama claridade e responsabilidade. Un chamado á transparencia na xestión da Festa Corsaria.
O pasado 24 de agosto, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha solicitude de acceso, mediante rexistro, a toda a documentación relacionada coa Festa Corsaria. Dita solicitude tiña como obxectivo consultar informes, facturas, ofertas presentadas ou calquera outro tipo de servizo prestado para o evento.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, sinalou que ata o día 31 de agosto, parte da documentación aínda non se publicara, e ata o día de hoxe, un mes despois, segue estando incompleta.
Na comisión informativa de festas celebrada o 6 de setembro, o BNG solicitou información sobre a empresa encargada da xestión da Festa Corsaria e dos postos de venda de artesanía localizados na Alameda. Non obstante, a concelleira delegada, Marián Sanmartín, afirmou non ter coñecemento ao respecto.
É por isto que no pasado pleno municipal celebrado o xoves 14 de setembro, Lucía Santos esixiu explicacións pola grave ocultación de información. Durante a sesión, Marián Sanmartín, contradicíase ao afirmar coñecer á empresa contratada, a cal normalmente se encarga da organización dos eventos no concello de Marín.
A concelleira de festas confirmou a colaboración de persoas traballando durante os días da festa de xeito voluntario por medio de asociación, percibindo unha contía económica. Lucía Santos cualificou este feito como moi grave, indicando que “o goberno municipal está cometendo unha irregularidade, xa que as persoas que participan como voluntarias non poden percibir contraprestación ou salario”.
Por outra banda, O PP comentou que a colocación dos postos de venda das persoas artesas que ocupaban a maior parte da Alameda, tamén se xestionou por unha asociación. Neste senso, descoñécese si se pagaron taxas por ocupación de vía pública.
Ante o esperpento que vén amosando o goberno do PP, o BNG esixe a María Ramallo que actúe con rigor, seriedade e total transparencia, e se deixe de ocultar información e mentir á veciñanza.