O BNG solicita información das obras do Centro Cultural e do antigo Liceo Casino
Ante os crecentes excesos de gastos e a falta de transparencia nas obras do Centro Cultural e o Antigo Liceo Casino, o BNG amosa a súa preocupación e esixe información detallada ao goberno municipal. Lucía Santos propuxo manter unha reunión coa dirección de obra e técnicos para entender a situación destes proxectos.
O BNG manifesta a súa preocupación pola actual situación da construción do Centro Cultural especialmente en relación cos persistentes excesos de gastos que acometemos dende o comezo das obras. Estes excesos orzamentarios derivan dos problemas xurdidos pola falta dun estudo xeo-técnico axeitado para a localización da obra e o uso de planos incorrectos que non detallaban de maneira precisa o espigón do antigo peche do porto, nunha zona tan sensíbel como é un recheo sobre o mar.
A nosa portavoz municipal, Lucía Santos, afirmou que “a mala xestión do goberno do PP está a ter un custo moi alto para a nosa veciñanza”. O orzamento inicial de catro millóns de euros viuse agora incrementado a un total de 5.800.208,64 euros. Este incremento evidencia a carencia de planificación, seriedade e transparencia por parte do goberno municipal no exercicio das súas funcións.
Lucía Santos trasladou unha petición durante a última na Comisión Informativa de Urbanismo, celebrada o pasado 6 de setembro, na que solicitou manter unha reunión coa dirección da obra e os técnicos de urbanismo para levar a cabo unha visita á obra. Esta proposta foi ben acollida polo goberno municipal, o que representa un paso na dirección axeitada para recibir información actualizada sobre o estado do traballo e calendario de traballo actual da obra.
Doutra banda, a voceira do BNG tamén solicitou información sobre estado actual das obras de acondicionamento do local do Antigo Liceo Casino, no que a reforma leva meses paralizada e a data de finalización estaba marcada para xullo do 2023, polo que a empresa responsable da obra vén de solicitar unha prórroga para poder rematala.
Lucía Santos reiterou a súa solicitude de facer unha visita ás obras xunto cos técnicos responsables, co obxectivo de entender por que só se está actuando sobre o 45,6% do inmoble (planta baixa e parte do soto -1), deixando inutilizados 924,52 metros cadrados, máis da metade do espazo total de 1.698,94 metros cadrados.
O BNG insta ao goberno municipal a tomar en consideración esta proposta e permita a visita para aclarar todas as dúbidas sobre o estado das obras no Antigo Liceo Casino. “Estamos dispostos a traballar en colaboración co goberno para garantir unha xestión máis eficaz e transparente destes importantes proxectos para a nosa comunidade” subliñou Lucía Santos.