O BNG solicita melloras en materia de seguridade viaria en Ardán
O BNG de Marín presenta unha moción recollendo as demandas da veciñanza de Ardán en relación cos problemas ocasionados na tempada de verán pola gran afluencia de persoas que se achegan ás praias de Lapamán, A Coviña e O Santo.
Non é ningún segredo que o Concello de Marín dispón dunhas magníficas praias. Praias que durante os meses de calor énchense de xente que acode a elas para gozar do bo tempo.
Esta importante asistencia ás nosas praias, que debe enchernos de orgullo, provoca tamén unha serie de situacións negativas, como son os problemas de tráfico e de seguridade viaria, que dificultan tanto a vida da veciñanza como das propias persoas usuarias dos areais.
Durante o período estival existen importantes dificultades para poder aparcar nas praias, circunstancia que se agrava nas fins de semana. E en non poucas ocasións, ante a insuficiente existencia de prazas de aparcamento, vemos coches estacionados en lugares que non son os máis recomendábeis.
Na parroquia de Ardán atópanse os areais de O Santo, A Coviña e Lapamán, que no verán reciben cada día a visita de moitísima xente, tanto do propio Concello como de fóra, do mesmo xeito que o resto de praias de Marín.
A veciñanza desta parroquia manifesta sufrir unha serie de incovenientes provocados polo estacionamento descontrolado dos coches durante os meses de verán. Estas situacións danse na práctica totalidade de estradas próximas ás mencionadas praias como por exemplo na estrada PO-551, na estrada 1307 que conecta a Praia de Lapamán coa PO-551 á altura da rotonda situada na entrada da circunvalación de Marín, na estrada que sube cara Cabodevila ou na estrada que parte á esquerda da PO-551 no lugar de Resille, no final do termo municipal do Concello de Marín.
O aparcamento de coches de calquera xeito nestas estradas próximas ás praias, en ocasións nas dúas marxes, provoca dificultades para a circulación de persoas e vehículos, e xa non digamos se se trata dun vehículo de maior volume que un turismo como pode ser unha ambulancia. Por outra banda o aparcamento de coches na propia PO-551 en lugares próximos a cruces, como pode ser diante do Mesón O Arrieiro, provoca dificultades de visibilidade para os coches que pretenden incorporarse á mesma desde a zona de Cabodevila.
A PO-551 presenta un importante volume de tráfico ao longo de todo o ano, mais durante os meses de verán este intensifícase. Por esta estrada cruzan persoas de todas as idades, desde nenos e nenas até persoas de avanzada idade, as cales durante os meses de verán poden pasar moitos minutos tentando cruzar á outra marxe da estrada.
A veciñanza de Ardán continúa agardando polas medidas aprobadas por unanimidade neste Pleno en relación coa seguridade viaria, como pasos de peóns e a redución da velocidade a 50 km/h na zona de Casás. Desde o CEIP de Ardán até o remate do término municipal de Marín non hai un só paso de peóns nunha zona moi frecuentada, especialmente en verán, tanto pola veciñanza, que se achega tanto as súas leiras como á praia, como polas persoas doutros lugares que se achegan a estas praias, co conseguinte risco para a integridade física das persoas.
Por todo isto, o BNG de Marín insta ao Concello de Marín a:
1.- Fomentar o transporte público ás praias.
2.- Establecer o sentido único durante os meses de verán na estrada 1307 que conecta a Praia de Lapamán coa PO-551 á altura da rotonda situada na entrada da circunvalación de Marín, e desde a estrada que se desvía da PO-551 no lugar de Resille até a Candeira, do mesmo xeito que se fai na estrada que pasa polas praias de Portocelo, Mogor e Aguete.
3.- Habilitar zonas de aparcamento nas praias durante os meses de verán.
4.- Prohibir o estacionamento de coches en determinadas zonas.
5.- Controlar as infraccións en materia de aparcamento.
6.- Colocar un espello na PO-551 en fronte da baixada de Cabodevila para facilitar a incorporación dos vehículos que tratan de acceder á mesma.
7.- Execución dos acordos acadados por unanimidade no Pleno do 11 de outubro de 2017 en relación coa seguridade viaria no lugar de Casás en Ardán.