O BNG solicita a declaración de persoas non gratas aos membros da "Manada"
O BNG presenta unha moción solicitando que o Pleno da Corporación municipal declare persoas non gratas aos membros da "Manada".
O pasado venres, 21 de xuño, a Audiencia Provincial de Iruña acordou pór en liberdade aos cinco agresores (violadores), autodenominados “A Manada”, condenados por ter sometido a unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, en contra da súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade: numérica, física e de idade, durante os Sanfermíns de 2016.
Estes feitos foron cualificados xuridicamente como abusos sexuais por parte do mentado tribunal que lle levou a condenar a 9 anos de prisión aos acusados. Que vén de completarse coa decisión de non prorrogarlles a prisión preventiva ante a gravidade do sucedido, polo que dende o venres 22 de xuño están na rúa. O tribunal emprega argumentacións difíciles de entender por parte da sociedade en xeral como se ten demostrado na rúa, e polo movemento feminista, en concreto.
É coñecido e notorio que A Manada non ten amosado o máis mínimo arrepentimento pola súa aborrecida pero habitual práctica. De feito, os cinco teñen defendido publicamente o seu desprezo pola vítima e sitúan o acontecido nun plano de normalización, elevando o sucedido a consentimento, a pesar de que ninguén o entende.
E como reacciona o Tribunal? Acordando que aos agresores deben manterse a 500 km de distancia da vítima. En definitiva, coa súa decisión, os maxistrados confinan á moza nunha suposta furna de cristal, e permite a libre deambulación dos condenados por todas partes do territorio que consideren. Nesta situación, cabería preguntarse, pois logo, quen é o condenado: a vítima ou os seus agresores?
Non está demais lembrar que as Corporacións municipais son a expresión do mandato cidadá, e á marxe quedaríamos da sociedade se non recollemos o clamor da rúa, o pensar e sentir de miles de mulleres e homes, ante a inxusta resolución a esta situación tan grave, que vai contra a liberdade de máis do 50% da poboación deste Estado: as mulleres.
Non só apoiamos todas as mobilizacións convocadas; rubricamos todos os manifestos e colaboramos en todas accións de rexeitamento que se teñan ou se vaian organizar, canalizando, a través dos instrumentos democráticos, ese clamor cidadá. Chegou o momento de dar un paso máis, e que sexan as Corporacións Locais as que, de motu propio, poñan o seu gran de area na denuncia desta inxustiza social e sumarse, por iniciativa propia, ao berro cidadá polo caso da Manada. É o momento de declarar persoas non gratas nos nosos concellos a:
-
José Ángel Prenda Martínez
-
Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena
-
Jesús Escudero Domínguez
-
Ángel Boza Florido
-
Antonio Manuel Guerrero Escudero
Para deixar claro o rexeitamento aos agresores en todo o país, porque a sociedade entende que si foi un feito moi grave. É necesario e urxente o entendemento da xustiza e a sociedade en temas tan sensíbeis; e con este feito, trasladamos a solidariedade e arroupo á vítima, para que non se sinta nin culpábel, nin sinalada nin condeada.
As agresións sexuais son a arma máis empregada para librar esta guerra contra as mulleres que, non era sen tempo, xa se vai facendo máis visíbel, e por fin deixou de ocupar espazos de recheo para situarse nos titulares de apertura dos medios de comunicación. A loita feminista das últimas décadas foi vital para iso.
O caso da Manada é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos; e por parte de homes que non están enfermos. Que saiban todas as vítimas anómimas que estamos con elas e que non nos doen menos. E que todos e todas entendamos que o silencio nos condena.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
-
A declaración de persoas non gratas a:
-
José Ángel Prenda Martínez
-
Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena
-
Jesús Escudero Domínguez
-
Ángel Boza Florido
-
Antonio Manuel Guerrero Escudero
-
-
Dar traslado deste acordo plenario á representación legal dos cinco condenados a nove anos de prisión pola agresión sexual xulgada na Audiencia Provincial de Iruña.
-
Dar traslado deste acordo plenario á representación legal da vítima para que sexa coñecedora do apoio real que ten.