Praza "Carmen Pesqueira Domínguez"
O BNG presenta unha moción para que a praza sita na rúa Méndez Núñez, a carón do museo municipal, chamada antigamente de forma popular “Camiño ao Peirao Vello” leve o nome de "Carmen Pesqueira Domínguez".
Sen lugar a dúbidas unha das mulleres de Marín máis coñecidas do século XX foi Carmen Pesqueira Domínguez, coñecida popularmente co alcume familiar de A Capirota.
Filla do mariñeiro Antonio Pesqueira Pérez e de Gumersinda Domínguez Pesqueira, naceu na Mouta o 1 de xullo de 1907. Muller sinxela, cos seus defectos e virtudes, mais sen lugar a dúbidas era unha muller do pobo. Costureira e lavandeira de profesión, traballaba no Priorado, e ademáis era nai solteira.
Un día do mes de agosto de 1936, se cadra o mesmo día que asesinaron ao galeguista Alexandre Bóveda na Caeira, Carmen tivo a valentía, ou talvez a osadía, de chamarlles crimimais a uns falanxistas que mallaban a un home na rúa da Ponte. Entre eses falanxistas estaba o criminal nazi Bruno Schweiger, coñecido en Marín como “O Alemán”.
Ese día Carmen facía o seu traballo diario de buscar a roupa que deixara ao clareo na Ponte de Ferro e seica de non haber pasado por alí naquel intre hoxe Carmen sería unha muller descoñecida por todos e todas nós.
Eran días de terror en toda Galiza, polas mañás aparecían homes e mulleres mortas polas cunetas, asesinados/as sen que nenguén fixera nada por remédialo e moito menos por buscar aos responsábeis.
Os falanxistas non podían consentir que no estado de terror que estaban xerando alguén lles chamara a atención, moito menos unha muller e aínda por riba nai solteira. Esa mesma noite collérona, e, segundo testemuños orais, foi vexada físicamente e torturada, sendo asesinada horas máis tarde no lugar do Pozo da Revolta (Mogor).
Durante uns intres os falanxistas abandonaron o seu corpo e ao amencer voltaron, levando o seu cadáver nun camión até a vila de Bueu, exhibindoo polas rúas, até que tiraron os seus restos nunha delas para que todo o mundo mirase as consecuencias de até onde podían chegar, coa intención de amedrentar á poboación.
A súa morte foi anotada no rexistro civil de Bueu o día seguinte, o 19 de agosto de 1936, aparecendo como causa “ferida no corazón” e foi soterrada no vello cemiterio desa vila.
Desde o Bloque Nacionalista Galego queremos sinalar varios aspectos moi importantes nesta historia:
1º A dignidade dunha persoa que non tolerou o que acontecía neses días cun acto de grandeza humana e de valentía que lles custou a vida nuns momentos onde a sociedade aterrorizada calaba e miraba para outro lado.
2º O feito de ser muller e nai solteira, tamén pesou para que eses cobardes asesinos levaran a cabo o crimen. Presumibelmente, se a súa situación civil fose outra a historia sería ben distinta. Foi un acto que hoxe en día tamén definiríamos de violencia machista ou de xénero.
O xesto de Carmen Pesqueira Domínguez é todo un exemplo de dignidade e de humanidade, moi por riba das desputas políticas, que nos debe de encher de orgullo a todo o pobo de Marín.
Por outro lado, o noso concello ten poucos nomes no seu rueiro dedicados ás mulleres polo que cómpre ir engadíndoas ao nomenclátor municipal e este é un caso que ben o merece.
Por todo isto, o BNG SOLICITA
-
Que a praza sita na rúa Méndez Núñez, a carón do museo municipal, chamada antigamente de forma popular “Camiño ao Peirao Vello” leve o nome de <<Carmen Pesqueira Domínguez>>.
-
Que na devandita praza se dé a coñecer a súa historia.
-
Que a praza sexa inagurada co seu nome o vindeiro 18 de Agosto, nun acto conxunto entre o Concello e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.