O BNG entrega un milleiro de sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade
A veciñanza de Marín non quere máis promesas, quere Ambulancia 24 horas, servizo de Radioloxía, un servizo de Fisioterapia digno, un servizo de Farmacia, unha correcta xestión dos recursos humanos e a subsanación das deficiencias e carencias que presenta o Centro de Saúde
Desde o BNG vimos manifestando dun xeito firme e continuo o noso total rexeitamento contra os recortes nos servizos públicos e contra as privatizacións que o PP ven executando nos últimos anos nunha política encamiñada directa e sen moito disimulo ao desmantelamento dos servizos públicos.
Os recortes de persoal e de medios nos hospitais e centros de saúde públicos do noso país tradúcense nun importante aumento de carga de traballo nos e nas profesionais da Sanidade Pública e nun deterioro na calidade asistencial.
En Marín, a estes recortes temos que engadirlle o recorte de servizos. Dabondo coñecida é a supresión do servizo de ambulancia 24 horas, carecendo Marín, un concello de 25.000 habitantes, de ambulancia pola noite. Agora a Xunta anuncia que decide prescindir do prometido servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín, alegando a proximidade do Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, pois consideran que os e as marinenses podemos achegarnos até alí sen maior problema. Mais cando a Xunta prometeu dotar ao novo Centro de Saúde de Marín co servizo de Radioloxía, o Virxe Peregrina xa estaba alí, polo que non hai motivos que xustifiquen o cambio de postura.
Malia a existencia do servizo de Fisioterapia, non hai creada ningunha praza de fisioterapeuta, polo que os/as traballadores/as son por contratos de acúmulos de tarefas, habendo na actualidade un fisioterapeuta cando por poboación Marín debería contar con dous.
A isto hai que engadir as numerosas carencias e deficiencias que presenta o Centro de Saúde de Marín, que xa leva un ano en funcionamento:
- Carencia de servizo de Farmacia.
- Falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal.
- Non existe monitor de desfibrilador no Centro de Saúde.
- Non existen caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes.
- Deficiencia asistencial no servizo de matronas causado pola non substitución das baixas laborais.
- Falta de auga quente e calefacción durante varios días ao mes, pingueiras nos corredores de urxencias...
Dende o BNG de Marín non podemos e non imos aceptar esta nefasta xestión da Sanidade Pública nin os incumprimentos por parte da Xunta polo que non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade.
Hoxe facemos entrega de máis dun milleiro de sinaturas de veciños e veciñas de Marín que sufren esta política do PP de desmantelamento dos servizos públicos e demandan unha Sanidade Pública de Calidade.
O BNG de Marín ven solicitando nos últimos meses información do Goberno Municipal en relación a que pasos se están a dar para corrixir esta negativa xestión da Sanidade Pública no noso Concello, mais non atopamos máis resposta que promesas e silencio.
Marín leva 6 anos sen ambulancia polas noites, polo que non podemos acreditar nas promesas e as boas palabras. A veciñanza de Marín non quere máis promesas, quere Ambulancia 24 horas, servizo de Radioloxía, un servizo de Fisioterapia digno, un servizo de Farmacia, unha correcta xestión dos recursos humanos e a subsanación das deficiencias e carencias que presenta o Centro de Saúde,
POLO QUE SOLICITAMOS
Que o Goberno Municipal inicie os contactos coa Xunta de Galiza para garantir unha Sanidade Pública de Calidade para a veciñanza de Marín, e concretamente esiximos:
- Ambulancia 24 horas
- Servizo de Radioloxía
- Servizo de Farmacia
- Servizo digno de Fisioterapia
- Correcta xestión dos recursos humanos
- Monitor de desfibrilador no Centro de Saúde
- Caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes
- Subsanación das carencias e deficiencias que presenta o Centro de Saúde (pingueiras, calefacción e auga quente…).