O BNG solicita unha xuntanza de Portavoces pola chegada de "pellets" ás praias de Marín
A voceira do BNG, Lucía Santos, denuncia que “vinte anos despois volvemos a revivir unha nova catástrofe mediambiental no noso litoral repetindo paso a paso a irresponsabilidade por parte da Xunta de Galiza”
O BNG de Marín solicitou á alcaldesa de Marín, María Ramallo, unha xuntanza de portavoces para demandar ao goberno municipal información sobre cal é o estado das praias do noso concello pola aparición de ‘pellets’ de plástico nos areais de Lapamán e A Coviña, sumándose ao amplo número das praias do noso litoral afectadas.
A voceira do BNG, Lucía Santos, denuncia que “vinte anos despois volvemos a revivir unha nova catástrofe mediambiental no noso litoral repetindo paso a paso a irresponsabilidade por parte da Xunta de Galiza”, e indica que “por moito que intente manipular a realidade o PP, estamos ante un grave impacto ambiental que afecta directamente á nosa saúde”.
A Xunta de Galiza actuou dun xeito totalmente inaceptábel, con improvisación e neglixencia, sen dar directrices claras de actuación, que agora obriga aos concellos a ser os responsables de actuar, tendo que ser estes os encargados na coordinación de voluntarios da xestión da limpeza de ‘pellets’ nos areais sen medios e sen coordinación.
Por iso é polo que o BNG amosa a súa preocupación polas novas coñecidas nos últimos días, así como por saber como se está coordinando en Marín a retirada de ‘pellets’ dos areais e se se está seguindo algún protocolo de actuación.
Con todo, Lucía Santos insta a María Ramallo, en aras á transparencia, a informar aos grupos da corporación de cal é o protocolo de limpeza que se está a levar a cabo nos areais e cal está sendo o impacto da vertedura, dado que é deber do goberno ser responsable ca cidadanía.