O BNG lamenta a negativa do PP a manter unha xuntanza de Portavoces pola crise do granulado
Lucía Santos califica a postura do PP de lamentábel e indica que “María Ramallo está sendo irrespetuosa coa corporación municipal, xa que por unha banda dí quedar á nosa disposición mais despois néganos o dereito a manter unha xuntanza informativa.”
O pasado mércores día 10, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou aos grupos da corporación municipal da chegada de granulado ás praias de Lapamán e A Coviña, polo que a voceira do BNG, Lucía Santos, solicitou unha xuntanza de portavoces para ter información de como se está coordinando a retirada de “granulado” dos areiais e en que consiste o protocolo de actuación.
Debido á resposta recibida, Lucía Santos lamenta que a alcaldesa se negue a manter unha xuntanza de portavoces, dando novamente unha mostra de falta total e absoluta de transparencia, ao que inevitábelmente xa nos ten acostumadas o goberno do PP.
María Ramallo limitouse a dar información no remate do pleno municipal celebrado onte, xoves 13, negando aos grupos da corporación municipal poder facer algunha pregunta sobre o tema.
Lucía Santos califica a postura do PP de lamentábel e indica que “María Ramallo está sendo irrespetuosa coa corporación municipal, xa que por unha banda dí quedar á nosa disposición mais despois néganos o dereito a manter unha xuntanza informativa, e o que é mais grave, néganos a oportunidade de poder facer preguntas ante unha situación tan preocupante.”
Segundo a información trasladada pola alcaldesa, non se sabe en que consiste o protocolo de actuación nin se Marín ten un plan de emerxencia, no caso de chegada de máis “granulado” aos areais do noso concello.
O BNG insiste na necesidade de convocar unha xuntanza de portavoces para ter a información demandada e poder traballar man a man como procede nesta situación de emerxencia.