O BNG solicita a construción de vivenda protexida en Marín
Lucía Santos destaca que “o PXOM, aprobado no ano 2012, prevé o SUNC P-30 Barriada de San Pedro, que establece nunha parcela de 5.298 metros cadrados a realización de 54 vivendas”
Santos insta ao goberno local a “negociar sen máis dilación unha colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo, poñendo a disposición do organismo da Xunta a parcela mencionada de cara a que o IGVS faga a edificación correspondente.”
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou o pasado mes de outubro que 2023 sería o ano da promoción de vivenda pública en Galiza coa promesa de “impulsar 1.200 novas vivendas públicas, 1.000 de nova construción e 200 rehabilitadas.”
Segundo os datos publicados do DOG, Marín conta con 87 solicitantes inscritos no Instituto Galego de Vivenda e Solo para optar a vivenda protexida, sendo o noso concello o sexto da provincia de Pontevedra con maior número de solicitudes.
A última construción de vivenda pública no concello de Marín tivo lugar hai máis de vinte anos. Por isto, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, preguntou na pasada comisión informativa de benestar social celebrada o pasado 2 de febreiro, se hai previsto algún proxecto de nova construción de vivenda protexida, ao que a concelleira delegada, Marián Sanmartín, respostou non ter coñecemento.
Lucía Santos destaca que “o PXOM, aprobado no ano 2012, prevé o SUNC P-30 Barriada de San Pedro, que establece nunha parcela de 5.298 metros cadrados a realización de 54 vivendas, que aliviarían en parte as 87 solicitudes de familias e persoas a título individual das que ten constancia a administración autonómica.”
Santos indica que “o goberno de María Ramallo leva doce anos de inacción total en materia urbanística dende a aprobación do PXOM” polo que a voceira municipal do BNG insta ao goberno municipal a “negociar sen máis dilación unha colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo, poñendo a disposición do organismo da Xunta a parcela mencionada de cara a que o IGVS faga a edificación correspondente.”
No período comprendido entre 2011 e 2023 Marín presenta unha dramática perda de poboación, liderando a clasificación dos concellos galegos maiores de 20.000 habitantes cos peores datos, debido á mala xestión do PP de María Ramallo. En palabras de Lucía Santos “resulta obvio que a falta de vivenda é un dos motivos que leva á xente a marchar do noso concello.”
As administracións públicas teñen a obriga de garantir o dereito a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e unha utilización do solo de acordo co interese xeral. Esta obriga tamén é, evidentemente, responsabilidade do goberno local, que ten que poñer a disposición do IGVS, organismo da Xunta, a parcela destinada a facer a edificación correspondente.