O BNG solicita campañas de prevención sobre o consumo de alcohol e drogas

Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade, os consumos intensivos de alcohol e drogas en Galiza están por riba da media do estado español.

Lucía Santos expón que “para poñer freo a esta tendencia, é precisa a implicación de todas as administracións e a intervención do goberno municipal resulta esencial, xa que ofrece proximidade á cidadanía.”

 

O BNG solicita campañas de prevención sobre o consumo de alcohol e drogas

O Ministerio de Sanidade vén de facer pública unha enquisa sobre o consumo de alcohol e outras drogas no estado español, na que se documentan as drogas con maior prevalencia de consumo nos últimos 12 meses.

Segundo os datos publicados polo Ministerio, os consumos intensivos de alcohol e drogas en Galiza están por riba da media do estado español. Analizando as cifras por autonomías, a prevalencia de consumo de alcohol algunha vez na vida das galegas e galegos sitúase en 94,7%, por riba da media do estado, que é de 93,2%. Ademais, a prevalencia de consumo de cannabis é tamén maior en Galiza, cun 41,5% fronte o 40,9% da media estatal.

Ante o aumento no consumo de substancias adictivas, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladará ao pleno municipal, que se celebrará o xoves 9 de febreiro, unha moción solicitando ao goberno municipal “a posta en marcha de campañas de prevención sobre o risco de alcohol e drogas, ademais da dotación de fondos económicos e materiais para a posta en marcha de medidas de apoio a persoas con problemas de adicción.”

Lucía Santos manifesta que “lamentabelmente, Marín non está exenta desta terríbel tendencia, xa que nos últimos anos, no noso concello aumentou considerabelmente o consumo de drogas.” Esta problemática desencadena graves consecuencias, tanto sanitarias para as persoas drogodependentes, como sociais co aumento de zonas degradadas, a delincuencia ou accidentes de tráfico.

É por isto que a voceira do BNG expón que “para poñer freo a esta tendencia, é precisa a implicación de todas as administracións e a intervención do goberno municipal resulta esencial, xa que ofrece proximidade á cidadanía.”

 

O BNG solicita campañas de prevención sobre o consumo de alcohol e drogas