O BNG insta ao PP a chegar a un acordo cos traballadores municipais e cumprir as sentenzas xudiciais

Lucía Santos manifesta que o PP non ten vergoña nin escrúpulos ao negar os soldos que lles corresponden aos traballadores e traballadoras do Concello, mentres os seus concelleiros liberados cobran soldos desproporcionados.

O BNG insta ao PP a chegar a un acordo cos traballadores municipais e cumprir as sentenzas xudiciais

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reafirma o seu apoio ás reivindicacións da Policía Local e do conxunto do persoal funcionario do Concello de Marín. No último pleno extraordinario celebrado o 24 de Xaneiro, a formación nacionalista defendeu as alegacións presentadas aos orzamentos municipais, esixindo que se atendesen as demandas laborais do persoal afectado.

Desde hai anos, as persoas traballadoras municipais veñen reclamando melloras laborais e salariais. A Policía Local é a máis prexudicada, ao percibir os salarios máis baixos da provincia de Pontevedra e sufrir unha total falta de transparencia na asignación dos complementos de produtividade por nocturnidade e festividade. Ademais, o Concello acumula unha débeda de seis anos en atrasos salariais, recoñecida en diversas sentenzas xudiciais a favor dos traballadores e das traballadoras.

A modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) foi aprobada en pleno municipal en xullo de 2017, pero, en 2025, o goberno do PP segue sen cumprir co acordo plenario. Nos últimos meses, celebrouse dúas mesas de negociación para actualizar a RPT, mais as propostas foron rexeitadas por unanimidade polos sindicatos, xa que o goberno municipal continúa ignorando as resolucións xudiciais que avalan as demandas laborais do persoal.

A voceira do BNG en Marín, Lucía Santos, advertiu no debate dos orzamentos municipais que o incremento do 1,4% é insuficiente para atender os compromisos coa plantilla e o cumprimento das sentenzas, o que supón unha perda de poder adquisitivo para as persoas traballadoras municipais. Ademais, o Concello segue sen contar cun convenio regulador, un plan de igualdade nin un protocolo contra o acoso laboral, evidenciando a falta de compromiso do goberno local cos dereitos laborais.

O BNG tamén denuncia a falta de transparencia e equidade no reparto dos complementos de produtividade por nocturnidade e festividade. A actual xestión destes incentivos carece de criterios claros, permitindo que o goberno municipal do PP faga un reparto arbitrario das horas extraordinarias, sen control nin xustiza, o que agrava aínda máis a precariedade do persoal.

Lucía Santos insta á alcaldesa a cumprir cos acordos plenarios, actualizar a RPT e establecer un convenio colectivo que recolla as demandas do persoal municipal. "O PP non ten vergoña nin escrúpulos ao negar os soldos que lles corresponden aos traballadores e traballadoras do Concello, mentres os seus concelleiros liberados cobran soldos desproporcionados", denunciou a voceira nacionalista.

O BNG esixe que o goberno municipal respecte as sentenzas xudiciais e adopte medidas inmediatas para garantir a xustiza laboral no Concello de Marín. Ademais, reclama un control rigoroso e transparente das horas extraordinarias e a publicación detallada dos complementos de produtividade, asegurando un reparto xusto e equitativo.

O BNG insta ao PP a chegar a un acordo cos traballadores municipais e cumprir as sentenzas xudiciais