O BNG propón declarar o 2025 como Ano Castelao en Marín

O Grupo Municipal do BNG impulsa a declaración do 2025 como Ano Castelao en Marín para reivindicar a súa figura política, cultural e artística cunha programación municipal e un centro cultural co seu nome.

O BNG propón declarar o 2025 como Ano Castelao en Marín

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar unha moción no Concello de Marín para apoiar a declaración do ano 2025 como Ano Castelao, coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento e os 80 anos da publicación da súa obra fundamental, Sempre en Galiza. A iniciativa, impulsada pola Grupo Municipal do BNG busca recoñecer e divulgar a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo indiscutible do pensamento político e cultural galego.

undefined

Castelao representa un alicerce fundamental do nacionalismo galego, sendo exemplo dunha defensa incansable da lingua e da cultura galega, así como dun compromiso inquebrantable coa xustiza social e cos dereitos nacionais de Galiza. Desde a súa activa participación nas Irmandades da Fala ata o seu labor no Partido Galeguista, dedicou a súa vida á loita pola liberdade e a dignidade do pobo galego, un compromiso que mantivo con firmeza mesmo no exilio.

Ademais, compre destacar a especial vinculación de Castelao co concello de Marín, onde participou en numerosos actos públicos e deixou pegada en varias das súas obras artísticas e literarias, facendo referencia a elementos patrimoniais da vila.

Neste contexto, o BNG propón tres acordos clave para garantir unha homenaxe acorde á relevancia de Castelao:

  1. Declarar oficialmente o 2025 como Ano Castelao, sumándose así á conmemoración nacional do seu legado.

  2. Impulsar unha programación municipal propia que poña en valor tanto a súa obra artística e literaria como o seu pensamento político e social.

  3. Dedicar o nome de Castelao ao futuro Centro Cultural de Marín, previsto para a súa inauguración este ano, como símbolo de recoñecemento permanente.

O BNG subliña que Castelao é e seguirá sendo unha figura esencial na identidade galega, reafirmando a responsabilidade de Marín de reivindicalo con fidelidade ao seu pensamento e obra.

O BNG propón declarar o 2025 como Ano Castelao en Marín