O BNG denuncia a falta de mantemento dos camiños veciñais

Celia García esixe ao Goberno Local unha actuación inmediata para limpar e acondicionar os camiños veciñais a núcleos urbanos, garantindo un mantemento periódico que evite reclamacións constantes por parte da veciñanza

O BNG denuncia a falta de mantemento dos camiños veciñais

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que o goberno municipal continúe sen atender servizos esenciais para a veciñanza, como é a limpeza de camiños veciñais de acceso a núcleos urbanos. A formación nacionalista leva desde febreiro de 2024 trasladando reiteradamente a demanda veciñal para a limpeza das escadas situadas na Canteira da Laxe, unha vía de acceso moi utilizada polos veciños e veciñas da contorna.

A pesar das continuas solicitudes, o Goberno Local do Partido Popular (PP) ignorou esta petición e non levou a cabo ningunha actuación na zona. Ante a falta de resposta, o BNG reiterou a demanda en diversas comisións informativas, insistindo na necesidade urxente de acondicionar e limpar este camiño de escaleiras.

No pasado mes de decembro, a concelleira do BNG, Celia García, volveu poñer sobre a mesa a necesidade de actuar neste punto. O goberno municipal asegurou daquela que "tomaba nota" da situación. Con todo, ao comezo deste mes de febreiro, a realidade é que o camiño segue sen limpar, agravándose ademais a situación pola humidade e a acumulación de verdello, o que pon en risco a seguridade dos peóns pola inestabilidade do firme.

Ante esta deixadez manifesta, Celia García insta ao Concello a actuar de maneira inmediata, non só para proceder á limpeza e acondicionamento do acceso, senón para establecer un mantemento periódico que evite que a veciñanza teña que seguir reclamando accións tan básicas como a limpeza dun camiño de uso habitual.

O BNG reitera o seu compromiso co benestar da veciñanza e seguirá esixindo ao goberno municipal que cumpra coas súa obrigas de mantemento dos espazos públicos para garantir unhas infraestruturas seguras e dignas para todas e todos.

O BNG denuncia a falta de mantemento dos camiños veciñais