O BNG reclama unha solución para os contedores en Chan do Monte

Lucía Santos denuncia que, tras dous anos de solicitudes reiteradas, o goberno municipal segue sen construír unha base de formigón para asegurar os contedores, que supoñen un perigo para a veciñanza.
Lucía Santos, a voceira do Bloque Nacionalista Galego (BNG),reclamou unha vez máis ao goberno municipal a construción dunha base de formigón para asegurar a illa de contedores situada no camiño de Chan do Monte, atendendo a unha demanda reiterada pola veciñanza desde hai máis de dous anos.
Durante a Comisión Informativa de Rural celebrada este mes de xaneiro, Lucía Santos solicitou directamente ao concelleiro de rural do Partido Popular (PP), Pablo Novas, que se actúe con urxencia para solucionar este problema. A voceira lembrou que esta petición xa foi trasladada en novembro de 2022 e en setembro de 2024, sen que ata o momento se levara a cabo ningunha intervención. "Estamos en xaneiro de 2025 e unha actuación tan sinxela como construír unha base de formigón para o asentamento dos contedores segue sen realizarse", criticou Santos.
A necesidade desta intervención responde ás queixas reiteradas da veciñanza de Chan do Monte, que alertan do perigo que supón a actual ubicación dos contedores. Estes atópanse nunha pendente, o que fai que frecuentemente caian pola acción do vento, invadindo a estrada e xerando un risco evidente para as persoas usuarias da vía pública.
Lucía Santos cualificou de "inadmisible" que o goberno municipal ignore unha demanda tan básica, especialmente cando implica unha mellora directa na seguridade viaria e na calidade de vida da veciñanza. "Non estamos a falar dunha obra complexa ou custosa, senón dunha medida elemental para evitar accidentes e garantir que os contedores permanezan no seu lugar", sinalou.
Dende o BNG, sublíñase a importancia de atender con maior dilixencia as demandas da veciñanza do rural, que moitas veces quedan relegadas en termos de prioridades municipais. A formación nacionalista insta ao goberno local a actuar de inmediato para resolver esta situación e dar resposta a unha solicitude que debería terse resolto hai tempo.