Por unhas dotacións municipais dignas
O BNG presentou hoxe na Biblioteca Municipal as súas propostas en relación a determinadas infraestruturas municipais
Desde o BNG propoñemos que o edificio da actual biblioteca municipal pase a ser o Centro de Día público que Marín precisa, e promoveremos unha reforma integral do edificio da Casa do Mar para que albergue unha Biblioteca do século XXI, unha sala de estudos, a Casa da Xuventude e o Centro de Informática CeMIT
14 maio 2019 - 19:25
O BNG presentou hoxe na Biblioteca Municipal as súas propostas en relación a determinadas infraestruturas municipais.
- Por unha Biblioteca do século XXI
- Por un Centro de Día público
- Por unha Casa da Xuventude
Desde o BNG propoñemos que o edificio da actual biblioteca municipal pase a ser o Centro de Día público que Marín precisa, e promoveremos unha reforma integral do edificio da Casa do Mar para que albergue unha Biblioteca do século XXI, unha sala de estudos, a Casa da Xuventude e o Centro de Informática CeMIT.
Promoveremos unha reforma integral do edificio da Casa do Mar para albergar estes servizos para que sexan dignos e de calidade, facendo as cousas con vistas ao futuro e deste xeito evitar modificacións posteriores nun curto espazo de tempo. A veciñanza está cansa de "chapuzas" polos parches que desde o Concello se levan a cabo, como consecuencia da improvisación e feitos a base de ocorrencias que deixan ás claras a absoluta falta de proxecto do PP para Marín.
Dentro da reforma integral deste edificio modernizaremos o Centro Social da terceira idade adaptándoo aos tempos para poder realizar as necesarias actividades que require unha instalación deste tipo.
Desde o BNG lamentamos a falta de iniciativa do PP e de María Ramallo para xestionar a cesión do edificio da Casa do Mar ao Concello, malia contar con gobernos "amigos" durante a maior parte do seu mandato. Se non foi quen de facelo antes menos o será agora co cambio de cor do goberno do Estado.
Por outra banda, xestionaremos que o actual edificio de Aduanas pase a albergar as dependencias da concellaría de Asuntos Sociais e así ter as infraestruturas sociosanitarias centradas nun mesmo lugar (Centro de Día e concellaría de Asuntos Sociais).
Marín precisa un Centro de Día público para satisfacer as necesidades das persoas e familias con problemas de dependencia. A veciñanza de Marín demanda máis política social e máis axuda á dependencia.
En canto á Biblioteca, xa levamos en varias ocasións ao concello a necesidade dunhas mellores instalacións, que é demandado polas persoas usuarias da biblioteca e pola xuventude e estudantes de Marín.
A xuventude precisa alternativas de lecer, de formación e de información, así como espazos para desenvolver as súas propias potencialidades. Por iso é necesario dotarnos dunha infraestrutura como esta que ofreza posibilidades á mocidade e evite que continúen buscando o que Marín lle nega lonxe das súas casas.