O BNG solicita medidas de urxencia no acceso á praia do Santo por risco de derrubamento

undefined
Lucía Santos, na visita á praia do Santo

Lucía Santos insta ao goberno municipal a “actuar de inmediato no paseo para garantir a seguridade das persoas que visitan a praia do Santo”

Ademais, a voceira do BNG demanda “o arranxo inmediato da rampa de acceso ao areal, xa que o seu estado actual dificulta a baixada á praia e imposibilita o acceso a persoas con mobilidade reducida.”

O BNG solicita medidas de urxencia no acceso á praia do Santo por risco de derrubamento

O goberno municipal anunciou, o pasado mes de marzo, a posta a punto das praias marinenses para o seu uso e desfrute nos días festivos de Semana Santa, mais esquecéronse da praia do Santo.

No ano 2015, o Concello de Marín levou a cabo unhas obras de mellora e acondicionamento do acceso á praia do Santo, na parroquia de Ardán. Mais oito anos despois, o muro que sostén o paseo corre un grave risco de derrubamento por falta de mantemento.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, manifesta que “o muro que sostén o paseo da praia é un auténtico perigo, xa que boa parte dos bloques de pedra, de grandes dimensións, están totalmente desprendidos da estrutura, o que está causando o derrubamento do pavimento de acceso.”

Lucía Santos indica que “o pasado mes de xaneiro, veciños de Ardán trasladaron ao concello o mal estado do muro cando só había unha pedra desprendida.” Santos destaca que “pasados tres meses, a única intervención por parte do concello foi colocar unha cinta policial na baranda do paseo”.

Lucía Santos comprobou o estado da zona e lamenta “a evidente desidia do goberno municipal ao non actuar cando o dano era menor, xa que se podería ter evitado o desprendemento do muro”, polo que insta ao goberno municipal a “actuar de inmediato para garantir a seguridade das persoas que visitan a praia do Santo.”

Por outra banda, a voceira do BNG demanda “o arranxo inmediato da rampa de acceso ao areal, á que lle faltan varias táboas, xa que o seu estado actual dificulta a baixada á praia e imposibilita o acceso a persoas con mobilidade reducida.” Ademais, os elementos metálicos que sosteñen a rampa están corroídos pola auga do mar, polo que cómpre unha revisión e posta a punto de toda a estrutura.

Santos afirma que “resulta incomprensíbel ter unha praia con bandeira azul que non reúne as medidas de accesibilidade e seguridade máis básicas.”

O BNG solicita medidas de urxencia no acceso á praia do Santo por risco de derrubamento