O BNG aposta pola mellora da mobilidade e a accesibilidade
Nunha xuntanza coa Asociación “Polos nosos dereitos”, Lucía Santos expón que “é fundamental desenrolar un modelo de mobilidade sostible, cun proxecto de urbanismo moderno ao servizo da poboación, creando espazos públicos amables e cómodos para todos e todas.”
O BNG mantivo unha xuntanza coa asociación marinense “Polos Nosos Dereitos”, que ten como obxectivo a eliminación das barreiras arquitectónicas no noso concello, na que se analizaron as necesidades do noso concello en materia de mobilidade urbana.
A candidata á alcaldía do BNG, Lucía Santos, asistiu acompañada de Davinia Lojo e Xurxo Agra, membros da candidatura para as vindeiras eleccións de maio. Lucía Santos manifestou o firme compromiso do BNG en materia de mobilidade e accesibilidade, con exemplos de sobra coñecidos nas cidades e vilas onde goberna o BNG, e trasladou a proposta que presenta o BNG para mellorar a mobilidade urbana e garantir a accesibilidade a todas as persoas no noso concello.
Lucía Santos expón que “é fundamental desenrolar un modelo de mobilidade sostible, cun proxecto de urbanismo moderno ao servizo da poboación, creando espazos públicos amables e cómodos para todos e todas.” Para isto, Santos indica que “resulta esencial a adaptación de edificios e espazos públicos para garantir o acceso en igualdade de condicións e a mobilidade a todas as persoas sen ningún tipo de exclusión.”
Marín merece un concello con maior accesibilidade para todas as persoas, coa creación de espazos públicos que ofrezan maior calidade de vida e benestar á veciñanza. Para isto, a voceira do BNG propón “a realización dun estudo técnico do tráfico na rede viaria do casco urbano de Marín, coa fin de avaliar posibles melloras e invertir o modelo de mobilidade dando prioridade ao peón sobre o coche.”
Neste encontro, a asociación “Polos Nosos Dereitos”, que estivo representada por un nutrido grupo de membros, manifestou a súa queixa polo incumprimento da lei de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas por parte do goberno municipal, xa que “está a conceder licencias de apertura a novos locais que non cumpren os requisitos de accesibilidade e mobilidade”, en palabras do seu presidente, Gerónimo Durán.
Lucía Santos asegura que “é preciso desenrolar accións que transformen o noso concello de cara a conseguir que Marín sexa un lugar agradable para vivir para todos e todas.”