O BNG lamenta a cancelación do Marín Vivo pola falta de apoio do goberno local
Lucía Santos indica que “unha vez máis o goberno do PP da mostra da sua falta de interese na organización de festivais na nosa localidade, como xa aconteceu no 2017 ao negar o apoio ao Festimar”
Santos afirma que “o BNG apostará por impulsar unha actividade cultural de calidade, cunha importante atención á mocidade, apoiando as distintas actividades impulsadas dende a localidade e ampliando a estacionalización actual, ofrecendo diferentes eventos ao longo de todo o ano.”
O Marín Vivo é un festival de música alternativa que o pasado mes de setembro celebrou a súa quinta edición, polo que xa contaba cunha traxectoria consolidada. Este evento cultural ofrecía unha oferta musical de calidade, con artistas de gran nivel, que serviu para poñer a Marín no mapa das citas musicais.
Mais aínda que o Marín Vivo resultou ser un éxito en todas as súas edicións, o goberno da Sra. María Ramallo decidiu retirar o apoio a este festival, polo que a organización viuse na obriga de suspender a VI edición a uns meses da súa celebración.
No último Pleno Municipal celebrado o pasado 13 de abril, a portavoz municipal do BNG e candidata á alcaldía, Lucía Santos, preguntou cales foron os motivos polos que o goberno municipal negou a colaboración con este evento.
A concelleira de festas, Marián Sanmartín, afirmou que o festival “non tiña aceptación e non gustaba en Marín”. Ante esta resposta, Santos manifesta que “as declaracións da Sra. Sanmartín non se corresponden coa realidade, xa que calquera persoa que asistira a algunha das edicións puido comprobar o éxito das mesmas.”
A voceira do BNG indica que “unha vez máis o goberno do PP da mostra da sua falta de interese na organización de festivais na nosa localidade, como xa aconteceu no 2017 ao negar o apoio ao Festimar”, un evento musical enfocado para a mocidade, cunha traxectoria exitosa que tamén se viu na obriga de ter que suspender a VI edición pola falta de apoio do Concello.
Lucía Santos “lamenta a negativa do PP a apoiar eventos culturais na nosa vila, especialmente dirixidos á mocidade, que aportarían identidade e dinamizarían a actividade social e cultural no noso concello, brindando unha maior variedade de eventos e oferta de lecer para diferentes gustos e idades.”
Santos manifesta que “a creación dunha axenda cultural estábel é imprescindíbel para a revitalización do concello”, e o goberno do PP vén manifestando ao longo destes doce anos a falta de interese para ofrecer actividades culturais e festivas diversas.
A candidata á alcaldía afirma que “esta situación debe mudar, polo que o BNG apostará por impulsar unha actividade cultural de calidade, cunha importante atención á mocidade, apoiando as distintas actividades impulsadas dende a localidade e ampliando a estacionalización actual, ofrecendo diferentes eventos ao longo de todo o ano.”