O BNG solicita a instalación de sombras na zona dos xogos de auga
Celia García afirma que “o ideal sería mediante árbores e vexetación que fixeran o entorno máis amábel e natural”, mais engade que “tamén se podería estudar a posibilidade de instalar toldos que proporcionen sombra e alivio ante a intensa calor.”
Nos pasados días, o BNG de Marín recibiu as queixas dun grupo de persoas en relación coa falta de sombra na zona dos xogos de auga situada no paseo Alcalde Blanco.
Estamos en pleno verán, e as persoas que acoden a esta zona cos seus fillos e fillas a refrescarse e a desfrutar do bo tempo non dispoñen dun só lugar onde poder refuxiarse do sol.
Os negativos efectos que produce á exposición ao sol para a sáude, constantemente lembrados polos profesionais da saúde, fan que sexa absolutamente necesaria a instalación de sombras na zona.
É por isto que Celia García, concelleira do BNG de Marín, solicitou no Pleno da Corporación municipal, celebrado o pasado xoves 13 de xullo, a instalación dalgún sistema que proporcione sombra ás familias.
García afirma que “o ideal sería mediante árbores e vexetación que fixeran o entorno máis amábel e natural”, mais engade que “tamén se podería estudar a posibilidade de instalar toldos que proporcionen sombra e alivio ante a intensa calor.”
A concelleira do BNG de Marín manifesta que “esta circunstancia é un detalle evidente que xa debera estar previsto no proxecto de instalación da zona de xogos acuáticos.”